A Amtega vén de convocar o Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre que este ano celebra a oitava edición. O premio está dotado con 2.250€ repartidos entre un primeiro de 1.500€ e un segundo de 750€ que se entregará dependendo da calidade dos proxectos presentados.
O obxectivo é o fomento e o achegamento dos universitarios galegos ao software libre e a apertura a novas posibilidades de emprego relacionado coas TIC, tendo en conta que o software libre constitúe unha área de traballo en crecemento. Os patrocinadores son o CIXUG (Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria), cunha achega de 1.500€, e a asociación universitaria GPUL (Grupo de programadores e usuarios de Linux) cunha achega de 750€. As aportacións responden aos convenios asinados coa Amtega para a promoción do software libre en Galicia.
Para optar ao premio cómpre ser estudante do Sistema Universitario Galego e ter defendido o proxecto fin de carreira, traballo fin de grao ou fin de mestrado cunha nota mínima de 5, nalgunha das convocatorias do ano académico 2013-14. O prazo de presentación de candidaturas remata o 30 de setembro.
Os traballos teñen que ter sido realizados cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación e ter publicado o sofware desenvolvido durante o proxecto cunha licenza libre recoñecida pola Free Software Foundation ou a Open Sourse Initiative.
Tedes toda a información no portal mancomún. Tamén podedes contactar coa organización do premio na Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega e na Oficina de Software Libre do CIXUG.
Atentos porque esta semana volveremos falarvos de software libre. Cantas empresas galegas o usan?


