En Xente Dixital xa vos falamos de abert@s, portal open data da Xunta de Galicia. É unha iniciativa da Xunta para impulsar a apertura de datos de todos os organismos públicos e promover a súa reutilización. Desta volta a web do mes é datos.gob.es, iniciativa de caracter nacional que organiza e xestiona o Catálogo de Información Pública. Ademais proporciónase información xeral, materiais formativos e novas de actualidade sobre a reutilización da información do sector público.
Galicia achega a datos.gob.es máis de 300 conxuntos de datos; abert@s é o segundo maior provedor do portal estatal.
Para quen?
O portal está aberto a profesionais, empresas, xestores institucionais e cidadáns interesados en xeral. O obxectivo é o lanzamento de novos modelos de negocio, a modernización das administracións e a creación de plataformas de transparencia, colaboración e participación cidadás.
Que contén?
O eixo do proxecto e da web é o Catálogo de Información Pública. Permite acceder, dende un único punto, aos distintos sitios web e recursos do sector público. Os datos están organizados e estruturados por formatos e temas, entre outros criterios. Queredes facer unha busca de datos?
Por outra banda, na web pode accederse a exemplos de aplicacións desenvolvidas a partir da reutilización de información do sector público. Este catálogo de aplicacións ilustra o potencial económico e social dos datos xestionados polas administracións.
Máis alá do Catálogo de Información Pública, e dos exemplos de aplicacións desenvolvidas, podemos saber máis e consultar estudos sobre open data, informarnos sobre actividades de formación ou achegarnos a iniciativas similares a datos.gob.es ou abertos.es, por exemplo. Tamén podemos ler novas de actualidade relacionadas.
Por último, na sección suxerencias, podemos facer propostas, consultas e suxerencias, ou informar sobre algunha incidencia no portal.




