A Amtega vén de publicar no Repositorio de Software Libre da Xunta, a aplicación web de xestión de aulas (XEA) desenvolvida para as aulas CeMIT, en colaboración con Fundetec.
No Repositorio xa están dispoñibles, con licenzas libres, o código fonte completo e a súa documentación. Desta maneira a Amtega posibilita a reutilización da aplicación por parte de calquera iniciativa similar á Rede CeMIT, e facilita posibles colaboracións que permitan a súa mellora e a incorporación de novas funcionalidades.
Que é XEA-CeMIT? XEA facilita a xestión de todos os recursos da rede e adáptase ás necesidades dos axentes TIC e os usuarios. Por unha banda, permite aos usuarios obter información sobre todas as actividades que se ofertan nas distintas aulas, a inscrición nas mesmas, o apoio para a súa realización e a obtención de certificados. Para os axentes TIC, responsables dos centros e das actividades, facilita a organización da súa actividade diaria.
XEA é unha adaptación da aplicación ISIS que Fundetec desenvolvera para a xestión do programa CyLDigital da Junta de Castilla y León. A colaboración entre Fundetec e a Amtega enmárcase no Plan de Acción en materia de Software Libre da Xunta.


