A semana pasada falabámosvos dalgunhas apps para axudarvos cos propósitos máis habituais de ano novo: aprender inglés, deixar de fumar, sacar o carné de conducir ou poñerse en forma. Outro dos propósitos podería ser o de poñerse ao día coas novas tecnoloxías e nese caso podemos botarvos unha man.
Manterémosvos informados de todos os programas e proxectos impulsados pola Amtega; seguro que poden beneficiarvos dalgún xeito. Seguiremos atentos á actualidade, a calquera nova relacionada co mundo das TIC que poida interesarvos. E investigaremos a fondo nas cuestións máis interesantes.
Xa publicamos algunhas guías prácticas útiles para un uso básico das redes sociais máis coñecidas. Aínda queda que, por exemplo, vos digamos como tirar proveito delas para as vosas empresas.
Ademais, haberá información de cursos que vos axudarán a achegarvos aínda máis ás TIC. E seguiremos descubríndovos páxinas web, aplicacións móbiles e dispositivos tecnolóxicos todos os meses.
Pero no 2014 non só queremos que nos leades, queremos que nos escribades, que comentedes, que preguntedes, que participedes. Iremos buscar información onde vós nos digades. Algunha idea?


