Canto sabe Facebook de ti?

Como gaña diñeiro Facebook? Se nos desen un euro cada vez que alguén se fai esa pregunta, moitos expertos en redes sociais serían auténticos millonarios. A resposta é sinxela: cos nosos datos. Aínda que non nos deamos conta, a compañía de Zuckerberg dedícase a recompilar todo o que facemos na súa rede social, e así ser capaz de saber todo de nós para despois ensinarnos publicidade deseñada especialmente para nós.

Moita xente pode pensar que a rede social unicamente recompila uns poucos datos de nós, pero en realidade a cantidade destes é bastante máis grande do que cremos. Se queremos comprobalo, Data Selfie é a extensión de Google Chrome que temos que utilizar.

Data Selfie é unha ferramenta de código aberto que é capaz de seguir toda a nosa actividade en Facebook e despois analizala dunha maneira similar ao que fai Facebook. Isto conséguese usando os sistemas informáticos IBM Watson e Apply Magic Sauce da Universidade de Cambridge, que recollen os nosos datos de maneira totalmente anónima e procésanos con complexos algoritmos.

Como funciona? Despois de realizar unha navegación extensa por Facebook, a extensión crea un perfil completo con toda información sobre a nosa vida: desde datos sobre a nosa personalidade (gustos, valores, tendencias sociais…) ata unha especie de perfil psicolóxico e demográfico que define como somos na internet. Neste vídeo móstrase como funciona exactamente este informe e a aplicación en si:

A intención do proxecto Data Selfie é concienciar sobre a recompilación de datos que se realizan en multitude de páxinas. E é que non é só Facebook o que fai estas cousas: Google, Twitter e ata os principais xornais recompilan datos da nosa navegación para logo utilizalos no seu favor. Estamos preparados para saber o que se sabe de nós na rede? Se é así, nesta ligazón pódese descargar a extensión para o navegador Google Chrome.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.