Tres navegadores web alternativos a Chrome, Firefox e Edge

Firefox, Google Chrome e Microsoft Edge. Estes tres nomes resúltannos a todos moi coñecidos, xa que son os tres navegadores web máis utilizados polo usuario medio da internet.

Aínda que os tres teñen os seus puntos fortes e débiles, a maioría de nós utilizamos un dos tres para noso día a día, pero o que seguramente non sabemos é que existe unha gran variedade de navegadores alternativos que poden satisfacer as nosas necesidades. Hoxe ensinámosvos tres alternativas a Chrome, Firefox e Edge.

Vivaldi

Este navegador con nome de compositor de música é un software sinxelo, adaptable e específico para o que queira o usuario. Herda características de Chrome e de Opera, pero está destinado a usuarios avanzados que queren personalizar ao máximo o seu navegador: pódese cambiar o aspecto do navegador e o comportamento ante determinadas accións.

Torch

Torch é un navegador curioso, xa que se enfoca principalmente para o usuario que quere consumir principalmente contido multimedia. Así, ten unha aplicación instalada por defecto que nos permite ver YouTube integrado no navegador, e tamén nos permite descargar vídeos de YouTube (se a licenza permítenolo) directamente desde el.

É un navegador estable e sinxelo, polo que se queremos navegar por contidos multimedia sen complicacións Torch pode ser unha opción.

Midori

Se somos amantes do código aberto Midori é unha opción para valorar. Baixo unha interface moi minimalista, Midori é un navegador lixeiro e rápido, perfecto para equipos que non teñan grandes características técnicas. Ademais, está dispoñible para todos os sistemas operativos baixo a filosofía GNU, polo que se somos un usuario avanzado, podemos personalizalo como queiramos ebido a que o seu código fonte está dispoñible para todos.

Lynx

Aínda que dixemos tres recomendacións, Lynx é unha curiosidade máis que unha suxestión. Nos comezos da internet a navegación gráfica non existía, tanto porque os sistemas non a soportaban como porque a rede era aínda moi lenta para cargar gran cantidade de datos. Daquelas utilizábanse navegadores de texto e Lynx é o sobrevivente daquela xeración. Se temos curiosidade por como se navegaba naqueles anos aínda podes descargalo. Iso si, avisamos que o seu manexo non é nada intuitivo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.