No marco do proxecto “Smart Camiño” a Amtega e Turismo de Galicia lanzaron o pasado mes de marzo a web http://www.caminodesantiago.gal, a guía transversal do peregrino.
Recentemente lanzouse a aplicación para móbiles do Camiño de Santiago, que xa está dispoñible para as dúas principais plataformas de telefonía móbil: Android e iOs. Estas son as funcionalidades da aplicación.
Todos os camiños na palma da man
A aplicación ofrece información sobre todas as rutas oficiais do Camiño de Santiago desde a súa entrada en Galicia: Camiño Francés, Ruta Fisterra-Muxía, Vía da Prata, Camiño Portugués, Camiño Inglés, Camiño Primitivo, Camiño do Norte, Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, e Camiño de Inverno.
Información actualizada en tempo real
Os peregrinos dispoñen en todo momento da información que necesiten en cada momento sobre os trazados oficiais das rutas xacobeas, a Rede Pública de Albergues coas súas características, horarios, localización, teléfono e fotografías; información sobre os eventos culturais -festas, concertos, talleres, etc- así como información detallada de todos os recursos turísticos -descrición, localización e imaxes-.
Realidade aumentada
Ademais, a plataforma dixital conta cun servizo de realidade aumentada que permite, a través da cámara do móbil, visualizar todos os puntos de interese situados nas proximidades.
A guía durante o Camiño
Así mesmo, os peregrinos poderán consultar nela onde comer, onde aloxarse e que visitar en cada un dos tramos do Camiño, coñecendo a ampla oferta dos establecementos turísticos cos que conta. Ademais, a aplicación permitiralles coñecer información meteorolóxica –ofrecida por Meteogalicia- así como datos de contacto e dirección dos centros de saúde e emerxencias.
O diario do Camiño
No apartado ‘Meu diario’, os peregrinos poden gardar os momentos máis importantes do Camiño, a través de notas de texto e fotografías, para posteriormente, a través da funcionalidade do portal ‘A miña experiencia’ crear o seu propio libro dixital.
Pensada para viaxeiros
Dado que o seu uso está pensado para a mobilidade e peregrinos de todas as partes do mundo, a aplicación está dispoñible nos idiomas galego, español e inglés e a maior parte das súas funcións poden ser empregadas sen necesidade de cobertura no móvil (algo que agradecerán os estranxeiros ata que non eliminen o roaming)
Descarga de balde a aplicación tanto se es de Android coma se es de iOs