
Entre os programas de mensaxería que hai á nosa disposición, hai un que destaca entre as demais pola cantidade de características e opcións que ten. Estamos a falar de Telegram, unha aplicación da que xa vos falamos aquí e que non recibe toda a atención que merece.
Unha das características que ten Telegram son os bots, pequenos usuarios automatizados que podemos utilizar en calquera dos nosos chats. Hainos de dous tipos, os “inline” que son os que se poden chamar a través de escribir unha palabra comezada pola arroba e os robots normais, que son os que se teñen que engadir aos nosos chats ou enviarlles mensaxes privadas para interactuar con eles. Hoxe querémosvos recomendar cinco destes bots que vos poden ser moi útiles
ImageBot
Este é un bot ao que se lle poden pedir imaxes do que queiramos. O que hai que facer é abrirlle conversa e co comando /get e a palabra de procura, o robot devolveranos imaxes relacionadas. Tamén existe o comando /getgif, que busca imaxes nese formato.
AlertBot
Necesitas que se che avise cunha mensaxe en determinado momento? AlertBot envíacho cando queiras a modo de recordatorio.
AmazonGlobalBot
Este bot é de tipo inline e para chamalo hai que escribir, en calquera lado, o seu nome (@amazonglobalbot) e o termo de procura. AmazonGlobalBot devolveranos o produto que mellor se axuste á nosa procura incluíndo unha gráfica coa evolución do prezo ao longo do tempo.
GifBot
Se queremos enviar imaxes animadas de tipo gif este é o noso bot. GifBot é tamén un bot inline e chámase poñendo en calquera chat o seu nome seguido da arroba. Este buscaranos os gifs que coincidan coa nosa procura, podendo despois enviar as imaxes atopadas.
WeatherMan
Queres saber o tempo ou envialo nun chat? WeatherMan é o teu bot porque che dirá o tempo meteorolóxico que fai na zona que ti lle indiques

