O caso de Linkedin foi o último, mais non o derradeiro. Cando acceden á base de datos dun servizo no que temos conta activa, o noso contrasinal pode quedar exposto. Como podemos sabelo?
Compre saber se o noso contrasinal foi exposto nalgún ataque masivo a servizos moi coñecidos. Por sorte, existe unha ferramenta web que recopila todas as bases de datos que foron comprometidas. Así, esta plataforma axúdanos a saber se o noso contrasinal aparece vinculado a algún roubo de datos masivo e o noso contrasinal é vulnerable.
O servizo https://haveibeenpwned.com/ permite coñecer de forma sinxela se o teu email está nalgunha desas bases de datos que foron comprometidas
O funcionamento é moi sinxelo: escribe o teu enderezo electrónico na caixa e preme o botón “pwned” (Pwned” é unha modificación de “Owned”, termo que en galego quere dicir “fun vencido” ou “fun sometido”)
A pantalla vólvese verde
Se todo vai ben, a pantalla volverase de cor verde, o que quere dicir que o teu correo electrónico non forma parte de ningunha base de datos hackeada.
A pantalla vólvese vermella
Se a pantalla se volve vermella quere dicir que o teu correo forma parte dunha base de datos comprometida.
O bo é que podes saber cales son os servizos nos que a túa seguridade está en risco e actuar. Vai rapidamente á web desa aplicación (no caso da imaxe, LinkedIn) e cambia o contrasinal.
Servizos que foron comprometidos nalgún momento
MySpace, LinkedIn, Tumblr Adobe, Xbox-Scene, Plex, Avast… se tes conta nalgún destes servizos, a recomendación é que cambies o contrasinal canto antes.



