
Se falamos de tendencias no mundo dos teléfonos móbiles, o aumento de tamaño nas pantallas é sen dúbida a principal nos últimos tempos. O consumo de contidos multimedia como vídeos ou fotografías fai que queiramos mellores e máis grandes pantallas para ver todo mellor, deixando ao carón a comodidade que pode ser levar connosco un dispositivo de gran tamaño.
Pero non todo o mundo segue as tendencias e hai xente que quere utilizar o seu teléfono unicamente para comunicarse, esquecéndose de grandes dispositivos e as súas pantallas. Para ese nicho algunhas marcas comezaron a lanzar móbiles de tamaño reducido. Estes son os 3 principais representantes desta nova moda no mundo dos teléfonos móbiles:
Kyocera KY-O1L

Esta marca descoñecida para moitos anunciou hai uns días este novo teléfono que mide tanto como unha tarxeta de crédito. O KY-O1 L pesa tan só 50 gramos e non ten aplicacións nin pantalla a cor. O dispositivo está destinado para as persoas que só queren chamar e recibir mensaxes. As súas medidas son 91x55x5,3 mm e ten unha pantalla de 2,3 polgadas de tinta electrónica. Por agora só está dispoñible en Xapón, e non se sabe se chegará a países occidentais.
L8Star BM10

Cun deseño claramente inspirado no Nokia dos anos 90, o L8Star é case máis pequeno que un chisqueiro. Este móbil non ten nin cámara nin conexión de datos, pero promete co seu pequeno tamaño unha autonomía de entre 3 e 5 días. O teléfono pódese utilizar tamén como auricular bluetooth e como reprodutor de música, pero non ten máis no seu pequeno tamaño. Todas as faltas de características compénsao co seu prezo: non chega a 20€ (14,46€ para ser exactos)
Zanco Tiny T1

É un teléfono ou unha pequena calculadora? A empresa Zanco é especialista en crear móbiles pequenos e este novo modelo non é unha excepción. Cunhas medidas de 21×46,7×12 mm e un peso de só 13 gramos, o Tiny T1 vai a través da rede 2 G con tarxeta nano SIM e permite chamar e enviar mensaxes grazas ao seu teclado. O seu prezo é tamén interesante: 59,95€.

