NUDOSS, unha rede social de cruceiros

Como cada mes, achegámonos a Galicia Open Future para coñecer un proxecto emprendedor que demostra o potencial galego. Desta vez, e en vésperas de vacacións, retrataremos un proxecto emprendedor que poderíamos probar nunhas datas tan sinaladas. Hoxe acompáñanos Hugo Iglesias Docampo, emprendedor que creou NUDOSS, unha rede social de cruceiros.

foto hugo recurso prensa

A primeira pregunta obrigada é: brevemente, que é Nudoss?

Nudoss.com é a primeira Rede Social de Cruceiros de Europa. E unha plataforma web que interconecta aos destinos, ás navieras e aos usuarios de cruceiros nun único espazo no que compartir información, recomendacións, suxerencias; contar cun perfil social no que compartir experiencias; no que formular e resolver consultas e ademais no que se poden facer reservas de cruceiros, obter descontos e participar en sorteos moi atractivos.

Por que unha rede social de cruceiros? Como xorde a iniciativa?

Nudoss.com é o proxecto de intraemprendemento de Miramar Cruises, a nosa axencia online de cruceiros. Miramar Cruises é a única axencia online especializada en venda de cruceiros de Galicia. A propia dinámica de traballo e a experiencia dos nosos asesores expertos en cruceiros no trato diario cos clientes fíxonos detectar a oportunidade de crear unha plataforma na que os usuarios puideran resolver as dúbidas que nos formularan, axudarse entre sí, contactar directamente coas navieras e cos destinos nos que ían facer escala. Nudoss.com xurde do trato diario cos cruceiristas, da escoita activa aos nosos clientes.

Como son os vosos usuarios? Seguro que tedes algunha anécdota simpática sobre o seu comportamento dentro da vosa plataforma 😉

Os usuarios cruceiristas son un tipo de viaxeiro moi particular. O cruceiro é un produto cunha elevada taxa de repetición. Polo xeral, o 80% dos viaxeiros que realizan un cruceiro, repiten experiencia. Isto convirte aos cruceiristas en viaxeiros especializados neste tipo de produto. De modo que as súas consultas adoitan ser moi concretas. Para isto temos un manual do crucerista no que tratamos de dar resposta ás consultas que formulan máis frecuentemente e que van dende se se poden levar pranchas do pelo ao barco ata se poden viaxar en cruceiro coa súa mascota.

Aos cruceiristas gústalles compartir o que van descubrindo no seu itinerario. Cómpre ter en conta que facer un cruceiro é facer moitas viaxes nunha porque podes descubrir varios destinos nunha soa viaxe. Así que adoitan ser activos difundindo a súa experiencia. Tamén por iso deseñamos a nosa plataforma para que fora responsive e contamos cunha app específica para IOS e Android na que se poden subir fotos, vídeos ou realizar consultas en tempo real, etiquetar destinos, a outros usuarios ou incluso a naviera coa que viaxas.

Cales foron os maiores retos aos que vos enfrontastes co voso proxecto?

O noso traballo no desenvolvemento da plataforma divídese basicamente en tres frontes. Por un lado está o propio desenvolvemento técnico da mesma, que é complexo e require moitas horas de revisións, probas e reunións para mellorar aspectos como a usabilidade da mesma.

Doutra parte está a captación de partners, que son os patrocinadores da nosa Rede e que resultan imprescindibles tanto para dotar de contido orixinal e oficial á mesma como para contribuír ao seu financiamento. Temos que programar a asistencia a eventos e desenvolver un intenso traballo comercial para incorporalos a Nudoss.com

E como terceiro fronte está a captación de usuarios, que é o que fai medrar a plataforma, facela interesante para os partner para os demais usuarios e a verdadeira razón de ser de Nudoss.com. Neste aspecto temos que deseñar accións online e off line que axuden a difundir Nudoss.com e que se destinan a incrementar a cifra de nudossfriends, como lles chamamos na plataforma.

Todos eles, interrelacionados e combinados son os retos diarios aos que nos enfrontamos os membros do equipo de Nudoss.com.

Hugo Iglesias_CEO Nudoss

Estades fisicamente dispersos por toda a xeografía española… como resulta o traballo en equipo a distancia?

Hoxe en día non existen as distancias. O noso traballo faise en liña, reunímonos para realizar planificacións, para asistir a eventos concretos de captación de partners, para traballar sobre aspectos concretos, etc. Pero desenvolvemos boa parte do noso traballo a distancia. Cun equipo cohesionado, implicado e con organización e disciplina, todo é posible.

Esta dispersión é enriquecedora porque nos permite estar en contacto con varias realidades de xeito simultáneo e ampliar o noso radio de acción. En realidade somos una empresa online a todos os efectos.

Como está a resultar a experiencia Galicia Open Future? Que vos achegou?

A verdade que a experiencia resulta moi enriquecedora. O contacto con outros proxectos emprendedores sirve para varias cousas. Unha das máis importantes e o contaxio constante da ilusión por facer medrar o noso proxecto. Certamente no centro de emprendemento respírase esa ilusión, ese zume novo. O noso equipo, aínda que somos novos, xa aglutinamos moitos anos de experiencia laboral nos eidos turístico, do marketing e da comunicación. Sempre ven ben renovarse e revivir e ver as cousas dende outras ópticas.

Ademais, o equipo profesional de Galicia Open Future tennos axudado moito a analizar os aspectos nos que o proxecto pode mellorar. Están sempre dispostos a axudar.

Outro dos aspectos moi valiosos de formar parte do programa son os contactos que se establecen e as sinerxias que se xeran entre os proxectos e coas empresas e profesionais que imparten os diferentes talleres. Sen dúbida GOF é unha oportunidade incrible para calquera startup.

E ademais, a diversidade de campos de coñecemento que se tocan nos diferentes talleres e clases fan que a visión da empresa sexa moito máis completa. Son coñecementos que teñen que ir repousando e que tarde ou cedo poderemos aplicar ao proxecto conforme vaia evolucionando.

Que obxectivos tedes agora mesmo? Como vos vedes dentro dun ano?

 O obxectivo é facer medrar a rede tanto a nivel de usuarios como de partners e para isto estamos a traballar en varias iniciativas de colaboración. Tamén estamos traballando na expansión internacional da plataforma incorporando partners a nivel internacional e traballando na implementación dos idiomas da web.

Dentro dun ano, Nudoss.com ten que ser a plataforma de referencia para o segmento crucerista.

Aproveitando o momento, e xa para rematar… recomendaríadesnos algún cruceiro para esta Semana Santa?

Semana Santa é unha época fantástica para viaxar en cruceiro. Hai un cruceiro para cada persoa así que en función dos gustos de cada un, da maneira de viaxar, de se se quere viaxar en familia ou con amigos, hai barcos e itinerarios que ofrecen experiencias adaptadas ás necesidades de cada pasaxeiro.

Podemos recomendar un cruceiro polo Caribe para os que teñan un maior presuposto e dispoñan de algo máis de tempo ou ben un minicruceiro polo Mediterráneo, para os que dispoñan de menos tempo.

Hai que atreverse a viaxar navegando porque é práctico, cómodo e diferente. E sobre todo, se o facedes, compartídeo connosco en Nudoss.com!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.