Día 12 – Ciencia en galego para todo o mundo

Nesta semana tan científica queremos aproveitar para che amosarmos algunhas mostras de ciencia en galego que tes ao teu dispor.

Ciencia para a nenez

Toupiciencia é unha miniserie audiovisual de divulgación científica en galego dirixida á infancia, con 8 episodios de 3 minutos de duración cada un. Neles, Toupiña e outros monicreques descubrirán o mundo da ciencia a través de curiosidades sobre a astronomía, a física, a bioloxía, a química ou as matemáticas.

 

Ciencia para todas as idades

O dicionario da ciencia é unha serie de audiovisuais de carácter divulgativo. A modo de videobitácoras sobre termos científicos, cada un deles ten un eixo semántico relacionado coa ciencia. Queres saber o que é un quark?

Que sabes dos fieitos?

Se queres coñecer o resto de vídeos que che ofrece O dicionario da ciencia, preme nesta ligazón.

Ciencia para secundaria, bacharelato e universidade

A iniciativa Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un repositorio de recursos audiovisuais para a docencia  en secundaria e na universidade creado pola USC e o Consello da Cultura Galega. Ofrece vídeos en galego para os ámbitos educativos pero que tamén se poden utilizar de maneira autodidacta.