Presentación

 

21 días co galego e + é un programa promovido pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que ten como finalidade promover o uso do galego oral entre a xente nova, dentro e fóra dos centros de ensino, no marco do Plan de dinamización da lingua galega na mocidade.

Esta iniciativa de dinamización lingüística nace para que o alumnado fale máis o galego e perfeccione o seu uso dentro e fóra das aulas e que, alén diso, analice a súa relación coas linguas que coñece, e máis concretamente coa nosa, para ver cal é o lugar que ocupa ou pode ocupar na súa vida.

A súa singularidade reside na vontade de implicar os rapaces e rapazas durante un tempo determinado en todas as facetas da súa vida, na procura de que o galego sexa lingua normal de uso en todos os ámbitos, e en levar a aula á rúa e a rúa á aula, fuxindo do estudo máis académico da lingua.

Este programa ten a súa orixe en 21 días co galego, unha experiencia didáctica que botou a andar no IES da Pobra do Caramiñal no ano 2013, da man da profesora Pilar Ponte; desde entón, desenvolvéronse cinco edicións máis deste proxecto. En 2015 recibiu un premio de innovación en dinamización lingüística da  Secretaría Xeral de Política Lingüística e no ano 2018  recibiu o primeiro acto de recoñecemento a unha actividade educativa por parte da Real Academia Galega.

Agora, a SXPL quere dar un paso máis con esta experiencia e exportar a iniciativa a outros centros educativos.  Para isto pon en marcha, de forma experimental mais con intención de lle dar continuidade, o programa 21 días co galego e + en catro institutos de toda Galicia:

– o IES Pontepedriña de Santiago de Compostela

– o IES Antón Alonso Ríos de Tomiño

– o IES Otero Pedrayo de Ourense

– o IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos

Nesta edición, o programa leva como subtítulo “Vivir en galego no século XXI”, pois xorde co ánimo de compartir a ilusión por conservar, recuperar e crear falantes que vivan o galego como unha lingua a medrar chea de posibilidades.

Participa alumnado da ESO, de bacharelato e de FP, con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos, que se compromete co seu profesorado a falar soamente en galego as 24 horas do día durante as 21 días que dura o programa, é dicir, desde o 14 de xaneiro ao 3 de febreiro de 2019, dentro e fóra do centro de ensino.