Día 13 – Xoguetes e videoxogos

Se algo alimenta a nosa vida, é o lecer, e dentro deste, o mundo do xogo, de enredar, ocupa un lugar destacado dende que estamos no berce. Hoxe, neste día 13 dos 21 Días co Galego e +, querémosvos achegar tres propostas ao redor deste mundo.

Melga

O Museo Melga, en Ponteceso, acolle a maior colección do xoguete tradicional galego e unha retrospectiva sobre a vida do xoguete ao longo da historia. É unha institución museolóxica de carácter permanente que ten como misión fundamental a conservación, investigación e difusión do patrimonio cultural galego relacionado co xogo tradicional, co deporte tradicional e coa historia do xoguete. Nel tamén se mostran obxectos e pezas de grande interese, procedentes de España e de pobos e rexións da xeografía mundial.

MUSEO GALEGO DO XOGUETE

O Museo Galego do Xoguete, en Allariz, é un espazo no cal os maiores poden lembrar o seu pasado, e os nenos e nenas, descubrir a que xogaban os seus pais e avós, nunha colección que, na actualidade, vai dende 1910 a 1978.

 

*Vai collendo as lentes 3D! 😉 Se xa estás vendo este vídeo no móbil coas lentes 3D, non tes máis que: 1. Poñer o vídeo en pantalla completa 2. Darlle a reproducir 3. Premer na icona das lentes para velo co formato axeitado 4. Gozar del! Se o estás vendo no ordenador ou no móbil sen lentes, pon o vídeo a pantalla completa para te achegares un chisco máis á experiencia da realidade virtual.

 

O Muvi

Sabías que Galicia conta co primeiro museo de España dedicado aos videoxogos? Trátase do Museo do Videoxogo (Muvi) de Cangas do Morrazo e pódelo visitar os sábados pola tarde.

 

O Muvi ofréceche ademais a oportunidade de realizares unha visita virtual á exposición As mulleres detrás dos videoxogos – Presente e futuro.