Día 4 – Auga limpa e saneamento
CENTRO
E chegamos ao venres co alumnado do IES Plurilingüe Rafael Dieste da Coruña, que nos vai falar da auga limpa e do saneamento.
A seguinte proposta parte da necesidade de vincular a dinamización da lingua galega co obxectivo de desenvolvemento sustentable nº 6: auga limpa e saneamento.
I. A voz do alumnado
Nesta primeira etapa queremos coñecer as túas inquedanzas, a túa visión sobre a auga limpa e o saneamento.
1. Por que é necesaria a auga/lingua? Debedes responder a pregunta sen empregar ningunha das seguintes palabras: beber, sede, lavar(se), bañar(se), limpar(se), falar,
escribir, comunicar, dialogar, debater, discutir etc. Podedes gravar as vosas respostas en pequenos vídeos.
2. Autobiografías lingüísticas e historias da auga.
De xeito individual e anónimo imos gravar audios breves nos que respondemos as seguintes cuestións:
– Que lingua(s) falas?
– Cal é o teu primeiro recordo da auga?
– Que lingua(s) deixaches de falar? Por que? Gustaríache volvela(s) falar?
– Hai algún río, fonte, lago ou lugar con auga doce ao que hai moito que non vas?
– Con quen falas nas distintas linguas que falas?
– Para que usas a auga doce?
– Que lingua(s) che gustaría aprender?
– Onde che gustaría que houbese unha fonte de auga para beber?
II. Nomear os camiños da auga
Elixe a actividade que se corresponde co teu nivel.
1. Elaboramos un mapa hídrico da localidade (1º ESO)
Imos recoller nel as augas fluviais da cidade, vila ou aldea á que pertence o centro. Algunhas delas poden estar canalizadas e soterradas, e pode haber presenza de
encoros artificiais.
2. Elaboramos unha maqueta que represente a topografía da nosa localidade e, polo tanto, as súas posibles cuncas (2º ESO)
Debedes interpretar un mapa topográfico local e construír un modelo que simule aproximadamente a bacía da vosa vila ou cidade. Podedes facelo con cartón e papel
recuberto de papel de aluminio. Unha vez construída a maqueta, ídela usar para avaliar o fluxo da auga e as posibles fontes contaminantes sobre a superficie terrestre, para así despois
pensar na forma de minimizar este tipo de contaminación por verteduras. Tede en conta que as posibles fontes contaminantes son múltiples e non veñen sempre dos mesmos lugares, pois a polución orixínase de diferentes maneiras.
3. Investigamos acerca do destino das augas que se recollen nos encoros que rodean a nosa localidade (2º
ESO)
Ademais de utilizalas para a xeración de electricidade ou en diversas industrias, a onde van parar as augas dos encoros artificiais?
4. Onde están as fontes? (3º ESO)
As fontes públicas xogaron un papel importantísimo no desenvolvemento das cidades, vilas e aldeas.
O acceso á auga potable é algo fundamental para a vida humana e as fontes públicas poden seguir sendo un elemento valioso para o benestar da comunidade.
Rexistrade as fontes públicas de auga potable que hai na zona que circunda o centro. Hai algunha? As que hai, son abondas? Onde debería haber algunha máis? Elaborade un informe e presentádellelo á comunidade educativa, ás asociación da veciñanza da zona e, mesmo, á prensa e ás autoridades locais.
5. A onde non chega a auga? (4º ESO)
Realizade unha investigación sobre os lugares e persoas que non teñen acceso á auga potable ou á de saneamento. Existen situacións similares na vosa localidade? Elaborade un breve informe, en forma de texto ou de programa de radio, no que expliquedes as
vosas investigacións.
