Día 5 – Ponte… nas Ondas!

A Unesco inscribe o programa educativo galego Ponte… nas Ondas! no Rexistro de Boas Prácticas

O pasado 1 de decembro de 2022  o programa educativo Ponte…nas Ondas! entraba no Rexistro de Boas Prácticas do Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco.

Pero que é Ponte… nas Ondas!?

O programa Ponte… nas Ondas!, impulsado pola asociación cultural co mesmo nome que coordina o profesor Santiago Veloso, naceu hai 27 anos nos centros educativos do sur de Pontevedra e do Alto Minho e desde entón non deixou de medrar co obxectivo de salvagardar o patrimonio cultural inmaterial na fronteira galega-portuguesa mediante a creación de espazos nos que o patrimonio se pode practicar e transmitir ás xeracións máis novas. Do mesmo xeito, esta iniciativa é unha mostra tamén de como co galego nos podemos comunicar con todos os países da lusofonía.

12º Día Mundial da Radio

Agora Ponte… nas Ondas! convídavos a sumarvos ao 12º Día Mundial da Radio o vindeiro 13 de febreiro a través dunha das seguintes actividades:

• Acudir a radios municipais ou profesionais do contorno para realizar desde alí un programa en directo.
• Realizar podcasts sobre calquera apartado do patrimonio cultural.
• Realizar podcasts sobre o tema proposto pola Unesco para este ano 2023: “Radio e paz”
• Realizar un podcast de presentación da radio do centro que describa a súa actividade, os seus recursos e as súas realizacións.

Os traballos deben enviarse antes do día 9 de febreiro a: web@escolasnasondas.com

Non é necesario enviar o arquivo. Podedes enviar a ligazón ao podcast do servizo a onde o subades (Ivoox, Soundcloud etc.).

O día 13 de febreiro emitiranse todos os podcasts que se reciban do alumnado galego e portugués.

Participade e sumádevos ás ondas do noso patrimonio!