Día 8 – Paz, xustiza e institucións sólidas

A poesía é unha arma cargada de futuro”. Gabriel Celaya

Somos o IES de Melide. No noso centro celebramos a Semana da Paz con todo un programa de actividades que se desenvolven desde o 30 de xaneiro, “Día Internacional da Paz e a non Violencia”, ata o 3 de febreiro e queremos que coñezades todas as cousas que facemos e que vós tamén podedes facer nestas datas.

Cada día realizamos unha actividade central proposta por un departamento ou materia e arredor dela desenvólvense outras puntuais; todas teñen como obxectivo que nós, as alumnas e alumnos, reflexionemos sobre a necesidade cada vez máis urxente de políticas tanto nacionais como internacionais que encamiñen o noso percorrido cara a un mundo máis pacífico e máis xusto.

A derradeira lección do mestre O alumnado de Ciencias Sociais de 4º da ESO representou no Castelo de Melide, lugar emblemático da vila, o cadro A derradeira lección do mestre de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Nos anos 30 do século XX, a represión franquista tinguiu con sangue a nosa cultura, a nosa liberdade e a nosa lingua. Por iso, no Día Escolar da non Violencia e da PAZ, celebramos en Galicia un ensino en democracia, en liberdade e en GALEGO.

Ciencia para a Paz – Paziencia Alumnado de 1º ESO en Bioloxía

Cada alumna e cada alumno de 1º da ESO en Bioloxía, dentro da Semana da Paz e a Ciencia en Galego, elabora un cartel sobre como a ciencia pode contribuír á paz e a vindeira semana terá que expoñer brevemente na aula, ante os compañeiros e compañeiras, o sentido da súa proposta. Estas son algunhas delas:

 

Noite de estrelas; observa as estrelas e pide un desexo pola paz

Esta é unha actividade do Club de Ciencias en colaboración co Observatorio de Astronomía da Universidade de Santiago dd Compostela para todo o alumnado, profesorado e persoal non docente do centro.

Pedras contra tanques Alumnado de música de 3º ESO canta o poema antibelicista de Suso de Toro “Toda carne é sagrada”. Esta composición sentencia a obviedade dunha verdade de maneira desapiadada, descarnada.

Cantamos alto e forte este poema de Suso de Toro na versión das pandeireteiras de Leilía, acompañados por un grupo de pandeireteiras e pandeireteiros, de profesorado e alumnado. Reivindicamos así o respecto mutuo, o cesamento de calquera tipo de hostilidade, desde o máis pequeno conflito, entre a humanidade toda, desde a pequena vila de Melide, desde o pequeno instituto da Terra de Melide. Leremos un pequeno manifesto e seguidamente cantaremos xuntos e berraremos por un mundo sen violencia, por un mundo en paz.

Micropoemas na biblioteca É un concurso de micropoemas na biblioteca onde participa todo o alumnado.

Nin haters nin detractores, diálogo pola paz As alumnas e alumnos de inglés, dentro dun programa máis amplo de tradución da terminoloxía usada nas redes á nosa lingua, realizan un breve vídeo onde o vocábulo inglés “hater” e o vocábulo galego “detractor” son o punto de partida para enfatizar a educación encamiñada ao diálogo.

Digo Alepo e basta Alumnado de Filosofía do Dereito de 2º de bacharelato versiona o poema de Celso Emilio Ferreiro, “Digo Vietnam e Basta” nunha adaptación persoal deste tremendo texto coa conseguinte reflexión e busca de información para elaborar o traballo que se exporá na vindeira semana.

 

Bombas de serotonina Alumnado de Psicoloxía de 2º de bacharelato elabora unha exposición de carteis sobre a paz alusivos aos neurotransmisores e hormonas que regulan o comportamento humano.

Recitado de poesía. Paz e amor Co gallo da celebración do Día da Candeloria, alumnado de diversos niveis realizará un recitado en torno ao amor, entendido nun sentido amplo como amor romántico, amor propio, amor platónico, amor pasional…

Relaxación e benestar O alumnado de Actividades Físico-deportivas e do resto de 2º de bacharelato será instruído por unha monitora especialista en control das emocións e relaxación con técnicas que lles poden resultar moi útiles no presente curso.

 

“Agardamos que todas estas actividades sirvan de fonte de inspiración para conseguirdes tamén nos vosos centros unha escola inclusiva e cooperativa na que, como no poema de Suso de Toro, poidamos dicir: “eu son ti e ti es eu”.