Día 21 – Clausura, reflexión e valoración

E pouco a pouco chegamos ao final dos 21 días co galego e + 2023. Hoxe tócanos gozar da clausura e realizar a última reflexión e logo, nas vindeiras semanas, deberás realizar o cuestionario de valoración do alumnado participante que has atopar na segunda parte desta entrada.
FALAMOS – REFLEXIÓN 3
Hoxe tócache realizar a túa terceira e última gravación de reflexión: neste caso trátase dunha reflexión especial coa que se pretende que realices unha análise xeral da túa participación no proxecto. Para iso queremos que fagas memoria e que lembres como comezaches.
Recorda que, nestas gravacións, que deberás gravar en solitario ao final do día, o que realmente importa é a túa sinceridade e capacidade de análise.
1 Consideras que nestas tres semanas aumentou a túa competencia oral en galego ou consideras que axudaches a que outras persoas mellorasen a súa competencia oral? Xustifica a resposta.
2 En caso afirmativo, coidas que aumentaría do mesmo xeito con outro tipo de actividade? Dinos como e dános ideas para mellorarmos.
3 Esta experiencia axudouche a coller soltura á hora de te desenvolveres diante dunha cámara?
4 En calquera acción que emprendamos, os logros relaciónanse directamente co grao de implicación.
Do 1 ao 10, que nota cres que deberías levar no proxecto tendo en conta o desenvolvemento da túa competencia en lingua oral ou os logros que conseguiches con outras persoas?
Do 1 ao 10, que nota cres que deberías levar no proxecto tendo en conta o teu nivel de traballo e o teu grao de implicación?
Que nota che sae de media?
5 Atopaches algún atranco para falares en galego durante estas tres semanas? Se é que houbo algún, explica cal ou cales foron.
6 As gravacións de reflexión fóronche útiles? Xustifica a resposta.
7 Consideras que estás en situación de ser bilingüe? E de ser galegofalante? Xustifica a túa resposta.
8 Se estivese na túa man a continuidade do proxecto, continuarías con el noutros cursos, modificaríalo ou eliminaríalo?
9 Que tipo de actividade farías ti para que o alumnado falase máis en galego?
10 Cres que esta actividade resulta interesante e positiva? Xustifica a túa resposta.
11 Desexas dicir algo máis?
CUESTIONARIOS DE VALORACIÓN
Gustaríanos que, unha vez que remates os 21 días co galego e +, realices un cuestionario de valoración para nos axudares a mellorar este programa no futuro. Moitas grazas por colaborares connosco.
Preme no cuestionario do teu colectivo. Os formularios pódense cubrir ata o 15 de marzo.
ALUMNADO PARTICIPANTE – Cuestionario de valoración
PROFESORADO PARTICIPANTE – Cuestionario de valoración
PROFESORADO COORDINADOR DE CENTRO – Cuestionario de valoración