Día 2 – As cores da saúde
A primeira colaboración dun cole chega hoxe da man do CEIP de Nadela de Lugo, que vén falar dun tema moi interesante, da relación entre as cores dos alimentos e a saúde. Mirade as rapazas e rapaces deste cole que ben a explican.
(Preme na imaxe para ver o vídeo)
Falamos
- Que…? Como ides cos 21 días co galego e +?
- Que vos pareceu o vídeo?
- E ti comes froitas e verduras todos os días? Cales che gustan máis? De que cor son as que máis che gustan?
- A Tintileo, o crocodilo mascota do noso cole, non lle gustan as froitas. Por que cres que non lle gustan?
- Podes facer un xogo cos amigos e amigas ou coa túa familia para completardes unha táboa coma esta con nomes de froitas e verduras. 
- E ti cantas cores coñeces? Se premes aquí poderás ver unha listaxe de 20 cores diferentes co seu nome.
- Analiza a cantidade e variedade das froitas e verduras que consomes e logo facede unha posta en común na aula para ver a que conclusións chegades.
- Cres que o consumo de froitas e verduras ademais de ser bo para a saúde é bo para o planeta? Xustifica a túa resposta.
- Propoñémosvos que preparedes un xantar con cores variadas no que empreguedes froitas e verduras que combinen ben.
- Se vos queredes divertir coas froitas, deixámosvos un xogo de tarxetas de memoria que podedes descargar nas seguintes ligazóns: ligazón 1 e ligazón 2.
Para os máis pequerrechos
Para os máis pequerrechos temos un vídeo do Digochiño sobre a tempada de froitas e unha canción sobre as cores de Galego para nenos.
(Preme na imaxe para ver o vídeo)
Cantamos e bailamos
Onte quedamos en que para querer ben unha lingua, para querela de verdade, o primeiro é divertirse con ela; e para divertirse hoxe temos unha canción moi bonita de Magín Blanco cun vídeo cheíño de cores fermosas.
(Preme na imaxe para ver o vídeo)



