DÍA 9 – As emocións

Este xoves imos traballar as emocións co alumnado do CEP Campolongo de Pontevedra. Saber xestionar as emocións é unha aprendizaxe indispensable para as persoas. Nos seus dous vídeos, as alumnas e os alumnos van definindo e analizando cada unha das emocións para que as poidamos recoñecer.

(Preme nas imaxes para ver os vídeos)

Conversamos

  • Ola, como vai ese galego?
  • E vós, tedes medo?
  • Que personaxes coñecedes que lles dean medo ás persoas? E a ti, cales son as que che dan medo?
  • En que situacións podemos ter medo (cando estamos sós, pola noite, vendo películas…)?
  • Que lle pasa ao noso corpo cando temos medo (nos ollos, na boca, na respiración, na pel, no corazón…)?
  • A que lle tiñan medo as nosas nais e pais cando eran pequenos? Por que agora xa non teñen medo?
  • Que podemos facer cando temos medo? Buscade solucións.

 

Primeiro ciclo

  • Podemos realizar lectura en voz alta entre todas e todos de contos que falen da temática escollida. Por exemplo, para o medo temos, entre outros:

Bóla de manteiga. Oqo.

Os bolechas teñen medo. Edicións A Nosa Terra.

A bruxa regañadentes. Oqo.

Carapuchiña vermella. Kalandraka.

O conde vampiro. FisicalBook.

Fantasmas no corredor. Xerais.

Gato Guille e os monstros. Kalandraka.

Hansel e Gretel. Kalandraka.

O medo. Ir indo.

O monstro de Ricardo. Kalandraka.

Óscar e o león de correos. Colección Sopa de libros. Xerais.

Un pesadelo no meu armario. Kalandraka.

Raquel ten medo. Xerais.

A superheroína supersónica. Baía Edicións.

Teño medo. Oqo.

Tío lobo. Kalandraka.

Os tres bandidos. Kalandraka.

Verlioka. Oqo.

Segundo e terceiro ciclos

  • Facemos unha exposición das figuras do medo galego.
  • Escribimos primeiro un pesadelo e logo contámosllo ao resto da aula.
  • Disfrazámonos no Entroido de personaxes que dean medo e recitamos algún xogo de sortes. Exemplo: “Era de noite. Había un castelo. Abriuse a porta. Saíu un morcego. Meteu a man. Sacou un coitelo. UNTA MÁIS NOCILLA, UNTA MÁIS NOCILLA!!”
  • Crear adiviñas e xogar con elas.
  • Inventar nomes para bruxas e monstros debuxados.
  • Facer un libro de conxuros para logo recitalo na clase.
  • Facer un libro de receitas terroríficas para logo facelas no cole ou realizalas na casa e levalas ao cole.
  • Aprender e cantar a canción da Bruxa Maruxa.
  • Imitar ou representar personaxes ou situacións de medo.
  • Decorar corredores con debuxos de personaxes de medo.
  • Facer exercicios respiratorios.
  • Representar a obra de teatro do libro Mamasiña que medo!.
  • Facer un mural de medos e lelos en voz alta entre grupos de compañeiras e compañeiros.
  • Ler e explicar o conto “Que cara de toxo tes!”.
  • Xogo do buxo

Cantamos e bailamos

Hoxe ímonos divertir cunha canción con moito amor de Sonoro Maxín chamada “Quérote máis”. A cantar e bailar!

(Preme na imaxe para ver o vídeo)