DÍA 3 – BENVIDA
Xa estamos aquí, benvidas e benvidos aos 21 días co galego e máis 2025!
Esta é unha aventura para ti e o teu galego,
para que o descubras,
para que o gardes no teu corazón,
para que o acariñes,
e para que te acompañe sempre, sempre, sempre ao longo da túa vida
medrando en galego!
Falamos da nosa lingua
Cando un ten unha lingua o primeiro é falar nela. Vós falades en galego?
Pois imos ver como se vos dá isto de falar galego.
Hoxe comezaremos coa noticia do día, coa inauguración dos 21 días co galego e mais no voso cole o venres. Que fixestes? Que vos pareceu? Foi fermosa? E divertida? Que foi o que máis che gustou dela?
Por certo, xa puxestes as camisetas? Esas camisetas son as mellores do mundo para falar en galego, cando as pos xa a lingua vai soa, non o notades?
Que vos parece a idea de que todos no cole faledes en galego durante 21 días?
Ti cres que vas botar as tres semanas co galego na boca?
Vas ver que cantidade de xente hai que fala galego en canto ti o falas, verás, verás…
Haste de fixar hoxe canta xente che fala galego cando ti llo falas e mañá xa nolo contas no cole.
Eu creo que o galego che senta moi ben, se te miras ben no espello fixaraste que te favorece moito, pónseche a cara así brillante e fermosa como unha mazá reineta.
E como vai ser isto?
Para saberdes ben como se vai desenvolver o programa 21 Días co galego e + traémosvos como exemplo un tríptico informativo ben xeitoso creado para informar as familias polo CEIP Manuel Respino da Rúa de Valdeorras en Ourense.
Este ano, ademais de falar en galego todos os días e a todas as horas e de ter o programa propio de actividades en cada centro educativo, habera un concerto de Cé Orquestra Pantasma, unha sesión de contacontos con Celso Fernández Sanmartín e un obradoiro de regueifa a cargo de Lupe Blanco en cada un dos centros participantes.
Pregunta, pregunta e infórmate cales van ser as actividades destacadas no teu cole.
Dicímoscho nós!
Queremos aprender todos os días un chisco da nosa lingua e para iso hoxe traemos dous expertos lingüistas do Dicímoscho Nós!, un programa creado polo alumnado do CEIP Plurilingüe de Sequelo en Marín para perfeccionares a túa lingua.
Cantamos e bailamos
E para rematar non hai mellor cousa que cantar e bailar, para ir tomándolle o gusto aquí tedes a xoaniña voadora de Cé Orquestra Pantasma.
Vémonos mañá e non esquezas que…


