DÍA 11 – VIAXE AO REDOR DO MUNDO CO GALEGO

Ola rapaces! Os alumnos do Sequelo de Marín neste vídeo emprendemos unha singradura co galego a través do mundo, nunha aventura que nos levou a visitar boa parte do planeta. A nosa viaxe tivo nove paradas, que puideron ser moitas máis, porque como se dicía nunha segunda parte do vídeo “seguro que non hai un país no mundo onde non se atope un galego”.

Para este periplo contamos coa experiencia da nosa mestra da tradición oral dona Rita Portas Garrido “A Gharrida”, que nos falou no seu e no noso galego do Morrazo das súas viaxes á Arxentina e Holanda; de Rula, unha nena galegofalante que naceu en Suecia e que aprendeu o galego alí, do noso Anxo, que como Dona Rita, aínda conserva o seu galego de Marín (non sabemos por canto) e doutros moitos rapaces que lle foron seguindo as pistas á nosa lingua por nove países diferentes do mundo.  En todo momento, o galego foi e veu, influenciou as linguas dos países onde chegou e estivo máis tempo, e viuse influenciado por todos eles, enriquecéndose coas novas achegas.

Para moitos rapaces, este vídeo pódese considerar un bautismo de mar na nosa lingua, e estes foron quen de sacar adiante os problemas tanto lingüísticos como tecnolóxicos (pois estiveron ao mando das operacións coa cámara e a pértega de son) que foron xurdindo, achegando sempre solucións creativas.

Acompañádenos nesta viaxe na procura da nosa lingua polo mundo!! E que o mar medre!!

FALAMOS

  1. Logo de escoitar falar a nosa mestra da tradición oral, dona Rita, poderías dicirnos que trazos do seu xeito de falar a fan inequivocamente do Morrazo?

  2. Compara a forma na que falas ti, ou os teus pais e avós, coa forma de falar de dona Rita. En que se parecen? En que son diferentes?

  3. En moitos dos países a onde fomos os galegos e levamos a nosa lingua quedaron palabras nosas na lingua deses países; así na Arxentina, podemos atopar nun famoso tango arxentino “escangallada”. Sabes o que significa?

  4. Podes citar polo menos outras tres palabras galegas que quedaron como propias da lingua doutros países a onde foron galegos?

  5. Serías quen de identificar que tipo de música se utiliza cando a nosa maleta viaxeira chega á Arxentina e os títulos das que se utilizan cando chega a Cuba e a Inglaterra? Seguro que para esta última te pode axudar a túa “teacher”.

  6. No vídeo tamén se citan tres palabras de orixe inglesa que ata non hai moito eran propias do galego dos mariñeiros das rías e tamén da nosa vila, Marín. Saberías dicirnos cales son? E como foi que chegaron á nosa vila?

  7. Imos aprender un pouco de sueco. Rula saúdavos e despídese en sueco. Saberiades facelo vós? Os nenos máis pequenos saúdan e despídense en árabe; seguro que tedes algún compañeiro (nos témolos) que vos poden axudar con iso, a saudar e despedirvos tamén en árabe.

  8. Polo que se fala ao principio, podedes deducir cal foi a actividade produtiva máis importante en Marín? Ímosche dar unha pistiña a partir desta coñecida cantiga tradicional:  “Marín ten viño e patacas, e tamén ten barcos xeiteiros, as rapaciñas máis bonitas e os mellores…”

  9. Ángel, o neno, está no peirao de Marín; fálanos dun caladoiro: o Grand Sole, podes situalo nun mapa? E ao mesmo tempo, busca que significa está palabra francesa.

 

CALZA OS ZAPATOS DO OUTRO (REFLEXIÓN LINGÜÍSTICA)

Non hai mellor maneira de entender como se senten os demais que “calzar os seus zapatos”, de ver se che apertan ou che quedan grandes; e non hai mellor maneira que ver este vídeo para entender como se senten os nenos en moitos dos nosos colexios, cando son os únicos, ou con sorte dos poucos, que falan galego. Moitos acaban, de puro cansos, abandonando a lingua que é de todos nós. Para que todos o entendésemos de verdade, veu a que a entrevistásemos, unha ex-alumna do noso centro que sempre sentiu o que demos en titular “A Soidade Lingüística”.

 

 

CANTA AO ESTILO DO MORRAZO

Esta canción que vos deixamos era moi coñecida en todo o Morrazo. Nesta versión, que se utilizou para o disco Pelo Gato 24, foi recollida en Aldán. Invitámosvos a cantala como fai a señora Carmen tratando de coller o acento de aquí.

 

XOGA, DEBUXA E INVESTIGA

Se aínda tes tempo de ver un pouco o que descubrimos os rapaces do Sequelo andando polo mundo adiante, busca na sopa de letras, moitos dos sitios onde estivemos; debuxa ao estilo de Luis Seoane, seguindo as pautas que che deixamos, estas cantadeiras de Marín de principios do s. XX e investiga a partir dos anuncios das liñas de viaxes dos vapores que saían do noso porto.

Luis Seoane e Galicia Emigrante. CEIP Sequelo

As liñas da emigración

RECITAR E CANTAR

Uxío Novoneyra, o poeta, viaxa neste poema seu que musicou Uxía Senlle, ao máis profundo de Galicia, a súa alma, a súa lingua, que ata nos peores momentos “asubía polo baixo”. Podedes recitalo porque é un poema, pero o mesmo poeta pensou nel para ser cantado…