DÍA 3 – BENVIDA

Xa estamos aquí, benvidas e benvidos aos 21 días co galego e máis 2026!

Esta é unha aventura para ti e o teu galego,

para que o descubras,

para que o gardes no teu corazón,

para que o acariñes,

e para que te acompañe sempre, sempre, sempre ao longo da túa vida

medrando en galego!

 

Falamos da nosa lingua

Cando un ten unha lingua o primeiro é falar nela. Vós falades en galego?

Pois imos ver como se vos dá isto de falar galego. O importante é querer o galego, levalo no corazón, se o levas no corazón despois falalo xa é pan comido!

 

Hoxe comezaremos coa noticia do día, coa inauguración dos 21 días co galego e + no voso cole o venres. Que fixestes? Que vos pareceu? Foi fermosa? E divertida? Que foi o que máis vos gustou dela?

Lembraches falar en galego a fin de semana?

Visitaches coa túa familia o blog para facer os xogos da fin de semana?

Por certo, xa puxestes as camisetas? Esas camisetas son as mellores do mundo para falar en galego, cando as pos xa a lingua vai soa, non o notades?

Que vos parece a idea de que todos no cole faledes en galego durante 21 días?

Ti cres que vas botar as tres semanas co galego na boca?

Vas ver que cantidade de xente  hai que fala galego en canto ti o falas, verás, verás…

De seguro o que aínda non sabes é que o galego multiplica, pásalle a todo o mundo e a ti tamén che vai pasar. Haste de fixar hoxe canta xente che fala galego cando ti llo falas e mañá xa nolo contas no cole.

Eu creo que o galego che senta moi ben, se te miras ben no espello fixaraste que te favorece moito, pónseche a cara así brillante e fermosa como unha mazá reineta.

 

 

E como vai ser isto?

Pois cando cheguedes ao cole todos os días teredes que mirar neste blog a ver que contidos prepararon os dez colexios que participan este ano para vós.

Veredes vídeos feitos por alumnado coma vós e falaredes sobre eles e tamén cantaredes porque é marabilloso encher o peito e a boca coa alegría das nosas cancións.

Dicímoscho nós!

Queremos aprender todos os días un chisco da nosa lingua e para iso hoxe traemos uns expertos lingüistas, son alumnas e alumnos de 1º de educación primaria do CEIP Frei Luís de Granada de Sarria que fixeron este vídeo no curso pasado para que melloredes o voso galego.

 

 

Cantamos e bailamos

E para rematar non hai mellor cousa que cantar e bailar, para ir tomándolle o gusto aquí tedes “O rap da lingua” de Migallas. A cantar e bailar!

 

Vémonos mañá e non esquezas que…

o mellor lugar no mundo para o galego é a túa boca!