DÍA 10 – A PONTE CAMIÑA POLO GALEGO
Arrancamos esta segunda semana do programa 21 Días co galego e + coas propostas do CEIP A Ponte de Lugo que nos veñen falar do Camiño de Santiago. Esperamos que vos guste!
FALAMOS
• Para educación infantil…
-
Proposta didáctica para traballar os símbolos do camiño
Partiremos do conto Bo camiño Valentiño da editorial Miau.
– Buscaremos a simboloxía do camiño (cuncha de vieira, cabaza, frecha…) que aparece no conto.
– Adiviña de que falo (concurso de mímica).
– Destino Santiago de Compostela (Xincana).
– Obradoiro de cunchas.
– Decoración de mandalas do camiño.
– Recuncho musical (diferentes instrumentos musicais tradicionais elaborados con materiais de refugallo).
– Dramatización: “Camiñando a Compostela”.
– Encontra o tesouro agochado (símbolos do camiño elaborados con distintos materiais).
– Obradoiro de xogos tradicionais.
– O selo do camiño (elaboramos con distintos materiais e deseñamos un logo).
• Para o alumnado de 1º ciclo de educación primaria…
-
Proposta didáctica para traballar os diferentes tipos de camiños
E agora que xa coñecedes algún dos camiños que levan a Santiago de Compostela, animádevos a trazalos con diferentes cores nun mapa fixándovos nas zonas polas que transcorren. Cales escolleriades para percorrer? Por que? Comentádeo na aula.
A continuación, podedes elaborar o voso “Diario do peregrino” onde podedes incluír:
– unha portada
– unha páxina de presentación
– unha explicación do que agardades da experiencia antes de iniciala
– unha páxina diaria de etapa
– imaxes e descrición de tesouros culturais que atoparedes no camiño
– rexistro de animais, árbores ou outros elementos naturais que vos gustaría deixar reflectidos
– as vosas anécdotas e momentos máis divertidos
Tamén podedes deseñar cales serían os vosos preparativos para afrontar o Camiño.
Bo camiño!
• Para o alumnado de 2º ciclo de educación primaria…
-
Proposta didáctica para traballar as lendas
Agora que xa visualizastes o noso vídeo sobre as lendas propoñémosvos a realización das seguintes actividades:
– Lectura do conto “Lola e a raíña Lupa”, unha lenda na que a avoa de Lola lle conta a historia de como a tumba do Apóstolo Santiago chegou a onde está agora, é dicir, a Santiago de Compostela.
– Conversa na aula sobre o que é unha lenda e as diferentes personaxes mitolóxicas que hai en Galicia.
– Creación dunha personaxe mitolóxica galega propia (inédita) e posterior elaboración dunha lenda con ela/el coma protagonista.
• Para o alumnado de 3º ciclo de educación primaria…
-
Proposta didáctica para traballar a historia do camiño
“Un día na vida dunha/dun peregrina/o medieval”:
Logo da lectura dun pequeno relato, crear un diario oral inventado onde o alumnado explique como sería un día no Camiño na Idade Media.
Entrevista a unha/un peregrina/o actual:
Preparación dun cuestionario e realización dunha entrevista, a poder ser real, para analizar motivacións e experiencias actuais. Tamén se pode facer figurada con dous alumnos onde un é o xornalista e outra a camiñante.
Ruta escolar:
Pequena ruta próxima ao colexio, simulando unha etapa curta. Observación da contorna, recollida de impresións para comentar oralmente o contido dun suposto “caderno de viaxe”.
Liña do tempo:
Realización colectiva dunha liña do tempo que amose a evolución das peregrinacións desde os primeiros séculos ata a actualidade de maneira que a cada alumna ou alumno lle toque explicar e engadir algún tipo de contido nela.
BAILAMOS E CANTAMOS
E agora imos todos e todas cantar e bailar….
Para rematar cantando deixámosvos o vídeo da canción “Camiño as estrelas” que fala do Camiño de Santiago.
A canción procede da canle de YouTube de Kókiti Música que é o contedor de música infantil creada polo mestre de música Iván Vale.
Deixámosvos aquí a letra da canción para que vós tamén poidades cantala.
Xa está todo preparado para o camiño,
meto as cousas que preciso con moito cariño.
Saco, bastón e unha cuncha na mochila
e a credencial que selan en cada vila.
Imos seguir as frechas que nos levan a Compostela.
Imos sentir as forzas que nos da o camiño…
Diversión, fatiga e boa compañía
é todo o que se precisa para ir pasando os días.
E xa, ao final, cando a meta está moi cerca
sinto que vou chegar ata a fin da terra.
Imos seguir as frechas que nos levan a Compostela.
Imos sentir as forzas que nos da o camiño…
Imos seguir as frechas que nos levan a Compostela.
Imos sentir as forzas que nos da o camiño… das estrelas.
