DÍA 11 – NON HAI QUEN NOS PARE!

Ola! Somos as alumnas e alumnos do CEIPP Anxo da Garda da Coruña e gustaríanos  contarvos como dende o cole promovemos actividades que nos axudan a ter un estilo de vida saudable. Queredes saber como o facemos?

 

 

FALAMOS

 

E vós, no voso cole tamén facedes deporte polo medio dos corredores? Ou tedes tamén momentiños para mover o esqueleto no medio da clase?

No Anxo fomentamos un estilo de vida saudable dende os máis pequeniños ata os nenos e nenas máis maiores, queredes  que vos contemos como?

• Para educación infantil

  • En educación infantil estamos supercentrados na alimentación que máis nos axuda para crecer sans e fortes. Saberías dicirnos o nome dalgún destes alimentos?

  • E se che pido que cociñes coa axuda dun adulto, poderías facer unha merenda para chupar os dedos que teña froita?

 

• Para 1º ciclo de primaria

  • Os de 1º están a voltas cos xogos  populares. Na túa zona hai algún xogo tradicional que nos poidas contar?

  • En 2º como xa son un pouco máis grandes están investigando a orixe dalgúns dos xogos aos que xogaban os seus avós e avoas. Por que non lles preguntas aos teus maiores se recordan algún da súa infancia. Sabes as regras para xogar á “pita cega”?

 

• Para 2º ciclo de primaria

  • Os nenos e nenas de 3º están moi motivados con todo o relacionado co exercicio físico. Tanto que ata están facendo un decálogo de pautas para estar saudables. Que pautas poñerías ti?

  • Fas algún deporte fóra da escola?

  • A rapazada de 4º está a aprender un montón de cousas referidas ao corpo humano. Sabes ti cal é o órgano máis grande do corpo? E cantos músculos fan falla para un sorriso? Veña, anímate e dinos todas as partes do corpo que sabes, pero en galego, eh!

 

• Para 3º ciclo de primaria

  • En 5º están investigando os diferentes aspectos da nutrición. Están a ver aspectos como que son os alimentos procesados, o plato Harvard ou incluso adquirindo coñecementos para elaborar menús saudables. Que adoitas a comer ti?

  • Poderías facer unha proposta de menú equilibrado?

  • E por último, o alumnado de 6º están afondando no benestar emocional e na importancia de sentírmonos equilibrados. Cantas emocións cres que hai?

  • Podes contarnos se tes algunha estratexia para controlar cando algunha emoción que sentes non che gusta?

 

BAILAMOS E CANTAMOS

E como non, non podería faltar un pouquiño de música para seguir movendo estes corpiños tan xeitosos que temos.

En primeiro lugar, a canción “Móvete” interpretada por Paco Nogueira e que está recollida no seu álbume “Extra”.

 

E se quedastes con ganas se seguir cantando e bailando, aquí tedes “Move o corpo” de Kókiti música. Atendede ben que din unha chea de partes do corpo que tedes que mover!