13 – SEMENTAR, SEMENTAREI

 

 Ola, somos alumnas e alumnas do CEIP Plurilingüe Ría de Vigo de Oia e este ano andamos a traballar en todo o que se refire á actividade agraria pero o mellor será que vexades o noso vídeo para saber o que facemos.

 

 

 

FALAMOS

 

• Para educación infantil…

Pensamos…

– Que produtos podemos obter do horto ou do campo? Se vos parece, poderiamos agrupalos en hortalizas, cereais ou froitas… Veña! Pensade!

Ímosvos dar unhas pistas. Como hortaliza, por exemplo, poderiamos dicir pemento, como cereal, o millo e…, como froita, a mazá.

– Postos a pensar no campo, tamén podemos pensar nos animais que axudan a manter os cultivos, sexa como axuda nos traballos do campo ou na produción de esterco que se usa como fertilizante nas terras. Como nos agrada dar pistas, acá vai outra: o cabalo. E vós, cales dicides?

– Unhas últimas cuestións sobre as que podemos falar…:

– Falamos agora dos traballos que vós podedes facer nunha horta, por exemplo: mover a terra, sementar e plantar, regar, recolller os froitos, esfollar e debullar o millo, vendimar…

E para mañá ou outro día, se queredes…

• Para o alumnado de 1º ciclo de educación primaria…

– Tede sempre en conta este gran consello que, sabiamente, nos dan os nosos avós e avoas: “Para poder falar, primeiro hai que saber escoitar”. Pois disto vai a actividade que vos propomos a continuación.

Co voso oído, ides ter que prestar moita atención a esta canción de “A horta de Balbina” cantada por María Fumaça.

Coa primeira escoita atendede moito ao que di a letra da canción para completar este texto coas palabras que faltan, pero de momento non podedes dicilas.

Facede unha segunda escoita, podedes ir parando o vídeo se o necesitades e cando remate, se o sabedes, podedes dicir as palabras. que faltan en cada oco e despois cantala todos xuntos.

Se con esta segunda escoita non dades coas palabras que faltan, poderedes facer unha terceira escoita facendo pausas entre as estrofas da canción e as repeticións que fagan falta para, así, conseguir o voso cometido: completar toda a letra da canción.

Finalmente, gozando do traballo realizado non queda máis que facer una cuarta audición e cantar con María Fumaça esta fermosa canción.

 

 

• Para o alumnado de 2º ciclo de educación primaria…

De seguro coñeces cantidade e cantidade de palabras relacionadas coa vida e o traballo de campo. Por exemplo, produtos que se obteñen do campo, ferramentas e maquinaria que se utilizan no campo, animais que nos poden axudar no traballo do campo ou nos proporcionan esterco orgánico co que podemos fertilizar as terras…  Con todo este vocabulario imos ter que xogar ao “Pasagalego agrario”. Clica na imaxe para abrilo.

Ante todo, queremos falar. Para iso imos organizarnos en grupos de dous ou tres compoñentes. Un ou unha de vós ten que coller papel e bolígrafo para escribir as respostas que estimedes oportunas.

A mestra (ou mestre) vai ler a definición correspondente á letra “A” deixando a continuación un tempo prudencial (non máis de 1 minuto) para que vos poñades dacordo coa resposta que consideredes correcta e a escribades no papel. En caso de non saberdes a resposta ou que non vos poñades dacordo nela, loxicamente, non escribades nada.  A continuación, a mestra fará o mesmo coa letra “B” seguindo o mesmo proceso que co “A” e así, letra a letra ata chegar ao “Z”.

Estades preparadas e preparados? Si? Pois alá imos! Pasagalego agrario

Agora que chegamos ao final, como todo bo traballo que se realiza no campo, en comunidade entre todas e todos e, de xeito cooperativo, axudándonos entre nós, imos facer unha corrección colectiva analizando as respostas propostas por cada grupo e que, en caso de ser diferentes, deberedes porvos dacordo e dar unha unha única resposta de aula a cada letra.

Noraboa polo traballo realizado e, chegado este momento, podemos mirar o seguinte texto e comprobar se as nosas respostas foron axeitadas. Pasagalego agrario solucións

Agora de seguro que vos apetece cantar e bailar. Convidámosvos a que gocedes da canción “A horta de Balbina” no segundo vídeo que aparece na proposta para educación infantil.

• Para o alumnado de 3º ciclo de educación primaria…

Na tradición oral galega hai cantidade de cantos referentes á realización de tarefas relacionadas co agro. Saberías dicir algunha destas actividades? En que consiste cada unha de elas?

Estas tarefas soían realizarse de xeito cooperativo a nivel familiar ou de comunidade. Moitas veces, festexábase o remate da xornada de traballo cun Canto de Aña cun aire alegre acorde a ese momento de respiro. A continuación transcríbese o texto dunha Aña recollida no barrio de Toutón do concello pontevedrés de Mondariz.

Podedes facer unha lectura colectiva en voz alta de cada unha das coplas desta aña. En canto ao retrouso queda ben claro que non require moito esforzo. Fixádevos ben que están escritas en cursiva adaptacións para recoller a lingua falada tal e como cantaban esta letra as veciñas e veciños de Toutón. Isto é unha mostra máis da riqueza idiomática coa que conta a nosa lingua!

 

Chegado este momento convidámovos a sumarvos a nós xa que, o pasado venres 13 na hora de lecer, cantamos esta peza como remate dun obradoiro de canto tradicional. Agradecemos a Marta e Mirian quen, en nome do Grupo Etnografico “A Buxaina” de Coruxo, dirixiron este obradoiro dándonos oportunidade de profundizar e gozar da nosa cultura e música popular. Desculpade a calidade do son pero é que, neste caso, como en toda tarefa de campo que se preze, o sentido comunitario de todo o alumnado da nosa escola cantando con todas e todos vós, cobra un valor especial e non queremos renunciar a iso botando man a outras gravacións con maior calidade acústica.

Se pensades que aprender todas as coplas pode conlevar demasiado esforzo e/ou requerir moito tempo de preparación, cantade con nós somentes o retrouso. Ahí non hai desculpa posible!

Grazas por nos acompañar!