Día 3 – Produción e consumo responsable

O centro
O alumnado do CPI Virxe dos Remedios de Castro Caldelas protagoniza hoxe os 21 días co galego e + para nos falar de produción e consumo responsable:

Desde Castro Caldelas amósannos unha historia do consumo local e dannos receitas para un consumo responsable. Como imaxinas ti o consumo no futuro?

O consumo e a felicidade

Ás veces pensamos que a nosa felicidade depende do que temos ou mercamos. Convidámosvos a ver a seguinte animación de Steve Cutts sobre este tema.

Despois de verdes a animación, podedes comentar na aula as seguintes cuestións:

– Cantos tipos de falsa felicidade aparecen no vídeo?

– Cales son?

– Como cres ti que se consegue a felicidade?

– Paréceche que é posible a felicidade sen consumo?

Alongar a vida das cousas

Sabes que existen iniciativas como Alargascencia que ofrecen solucións alternativas ao consumo alongando a vida dos nosos produtos ou dándolles unha nova vida ao transformalos noutras cousas?

– Sabes o que é a obsolescencia?

– Procura exemplos ao teu redor de cousas ás que lles poderías aplicar un alongamento da vida útil.

 

O comercio xusto

O comercio xusto é unha forma alternativa de comercio apoiada por varias organizacións non gobernamentais, por Nacións Unidas e por movementos sociais e políticos que promoven unha relación comercial xusta entre produtores e consumidores.

O segundo sábado do mes de maio celébrase o Día Mundial do Comercio Xusto.

 

Etiquetas