DÍA 6 – REGUEIFANDO
Bo día a todas/os!
Somos o CEIP Plurilingüe do Carballal de Marín, unha vila costeira de Pontevedra. Hoxe traémosvos un vídeo que fixeron os maiores do noso colexio, onde explican o significado dunha canción que foi elaborada hai uns anos por outro alumado do noso centro. Este videoclip aborda as expresións típicas da nosa vila. Esperamos que gocedes con el!
FALAMOS
1. Coñeces algunha palabra exclusiva da túa vila?
2. E algún refrán, frase, dito, lenda ou cantiga?
3. Cres que debemos sentirnos orgullosos do que nos é propio?
4. Sabes o que é a “autoxenreira”?
5. Algunha vez te sentiches infravalorado por empregar o galego ou polo teu acento? Que opinas sobre iso? Que cres que debemos facer?
6. Sabes dalgún veciño ou veciña da túa vila que espallara o galego?
7. Mudas a túa lingua cando se dirixen a ti en castelán?
RAP, REGUETÓN E REGUEIFA
Si, algúns estaredes pensando se o noso vídeo é unha regueifa ou un rap ou un reguetón. Vánnolo aclarar as alumnas e alumnos do CEIP Ramón Cabanillas de Santiago acompañados por Esther Estévez.
Agora que xa sabes máis, cres que o noso vídeo é unha regueifa? Argumenta a túa resposta.
REGUEIFAS NOS CENTROS DOS 21 DÍAS CO GALEGO E +
Este ano todos os centros participantes no programa recibimos un obradoiro de regueifa impartido por Lupe Blanco, considerada a mellor regueifeira do país, para aprendermos nós tamén a regueifar.

