DÍA 19 – Os trebellos e os oficios esquecidos
Ola somos alumnas e alumnos do CEIP Plurilingüe Julio Gurriarán do Barco de Valdeorras na provincia de Ourense e vímosvos falar de trebellos porque os nosos trebellos dan conta da nosa historia. Esperamos que vos guste o noso vídeo.
Se queres coñecer máis trebellos podes visualizar a versión completa deste traballo aquí.
INVESTIGAMOS
Imos ver como no CEIP de Caldelas descubriron a palabra Trebello. En primeiro lugar fixeron hipóteses de que significados podería ter esa palabra.
Despois foron ao dicionario e explícannos a solución.
FALAMOS
1. Coñecías os trebellos dos que falou no vídeo o alumnado do CEIP Julio Gurriarán? Ti coñeces algún deses trebellos antigos?
2. Cada oficio ten os seus trebellos. Facede entre toda a clase unha listaxe de oficios e trebellos asociados, a ver cantos se vos ocorren.
3. Se un trebello é un aparello ou útil que se emprega nunha determinada actividade, agora temos moitos trebellos modernos que serven para as cousas máis insospeitadas. As cociñas, por exemplo, son lugares onde cada vez temos máis trebellos especializados en facer algo. Estes trebellos serven todos para o mesmo, a ver se sabedes que podemos facer con eles.
4. Que outros trebellos se vos ocorren que poidamos atopar nas nosas casas?
5. Os rochos e os faiados tamén son lugares onde adoitamos gardar moitos trebellos. Que gardades vós no rocho ou no faiado?
6. Agora convidámoste a seres inventor ou inventora. Que trebello crearías ti? Para que serviría? Que forma e cores tería?
DOCE OFICIOS PARA DOCE MESES
Traémosvos tamén un agasallo, é o noso calendario de Doce oficios para doce meses que podedes descargar de balde aquí.
BAILAMOS E CANTAMOS
Neste mes da candeloria para cantar e bailar hoxe traémosvos unha canción moi fermosa que fala do noso trebello máis importante, do noso corazón e do amor. Esperamos que vos guste.





