DÍA 14 – REFLEXIONAMOS SOBRE A LINGUA E A PAZ

Xa pasaches da metade dos 21 días co galego e +. Parabéns!
Hoxe traémosvos as reflexións da segunda semana con moita lingua e moita paz!

Queremos comezar con moito ritmo e para iso temos un temazo dun grupo de alumnas de 5º de Primaria do CEIP Álvarez Limeses de Pontevedra. A canción chámase “O rap da lingua guapa” e agardamos que todos vos divirtades moito rapeando con elas. Clicade na imaxe para acceder ao vídeo.

 

FALAMOS

De seguro es das persoas que se está implicando moito e tes aí o teu galego funcionando a tope. Hoxe é venres e tócanos reflexionar.

Para os máis pequenos

  • Falaches en galego esta semana? Moito ou pouco?

  • Que aprendiches?

  • Cal é a palabra que máis che gusta?

  • Hoxe é o Día da Paz, e a pomba é o animal que representa a paz. Que outros paxaros coñeces?

Para os maiores

  • Fixácheste como guapeaches falando en galego? Como levas isto de falar sempre en galego? Está a ser como ti esperabas? Falas máis ou menos do que esperabas?

  • Notas que falas máis galego dende que comezaches cos 21 días co galego e máis? Cando o falas? E cando non o falas?

  • A xente fálache toda en galego cando ti lles falas en galego?

  • Hai persoas que antes non che falaban en galego e agora si que o fan? Iso é normal porque o galego se multiplica nas bocas; canto máis o falas, máis cho falan tamén.

  • Quen fala máis galego contigo? Quen te axuda máis a falar en galego? Regalar palabras é dos agasallos máis bonitos que pode haber; sería unha boa idea que a esa persoa hoxe lle deas unha súper aperta por regalarche a súa lingua.

  • Pasouche algún suceso ou cousa curiosa falando en galego dende que comezamos os 21 días?

  • Estades vendo os vídeos todos os días? Cales foron os que vos gustaron máis sen contar o do voso cole?

  • Que che están a parecer as actividades dos 21 días co galego e máis no teu cole? Que é o que máis che gusta?

  • Se non falas galego, esta semana tes que pensar un propósito para ti para falalo máis.

  • Pensade entre todas e todos que podedes facer na terceira parte do programa para mellorar o voso galego.

  • Se xa falas galego, pensa en como podes axudar esas compañeiras ou compañeiros que teñen máis dificultades.

Lembra que todos podemos facer algo pola lingua!

BAILAMOS E CANTAMOS

E agora imos todos e todas a cantar e bailar….

Hoxe rematamos cantándolle á PAZ, esa superheroína que vive no noso interior porque ademais da paz que podemos atopar arredor de nós e no mundo, está esa paz que nos quita a tristeza e no fai estar felices.

Para iso temos o karaoke da canción “PAZ” do grupo A Gramola Gominola, animádesvos a cantala!