DÍA 17 – AS MERENDAS SAUDABLES
Para arrancar a terceira semana dos 21 Días co galego e + o alumnado CEIP Plurilingüe Benigno Quiroga Ballesteros de Lugo tráenos a súa proposta de merendas saudables. A ver que contan…
Despois de ver o noso vídeo seguro que tedes claro que todas e todos debemos levar unha alimentación saudable para coidar o noso corpo e tamén sostible, para coidar o noso planeta.
FALAMOS
Agora imos falar un pouco. Contádenos….
Tedes no noso cartafol para vós todos os materiais complementarios que vos van axudar a realizar estas propostas na aula.
• Para educación infantil… (falamos na asemblea)
-
Cal é a túa froita favorita? E verdura… cal é a que mais che gusta?
-
Que alimentos che gustan máis: as froitas ou as lambetadas?
-
Sabes de onde veñen as froitas e verduras?
Para traballar na aula compartimos con vós unha ficha na que teredes que elaborar o voso batido saudable. Será saboroso?
• Para o alumnado de 1º ciclo de educación primaria… (falamos na clase)
-
Que alimentos son bos para a nosa saúde?
-
Por que é importante comer froita e verdura todos os días?
-
Que alimentos deberiamos comer só de vez en cando?
-
De onde veñen os alimentos: do campo, do mar ou da fábrica?
-
Que podemos facer para non tirar comida?
De seguro que despois do que falastes saberedes un montón sobre froitas e verduras!!! Para seguir practicando vocabulario sobre este tema compartimos un bingo co que podedes xogar na aula e serdes auténticos expertos e expertas en alimentación saudable.
• Para o alumnado de 2º ciclo de educación primaria… (Debatemos na aula)
-
Que diferenza hai entre unha alimentación saudable e outra pouco saudable?
-
Por que é mellor comer alimentos frescos que procesados?
-
Que significa comer produtos de tempada?
-
Como pode afectar a nosa alimentación ao ambiente?
-
Que pequenos cambios podemos facer para comer mellor e coidar o planeta?
Despois deste gran debate sobre como ser saudables e á vez axudar a coidar o planeta podedes elaborar entre todas e todos un decálogo sobre ALIMENTACIÓN SAUDABLE E SOSTIBLE. Compartimos con vós un modelo que podedes empregar para facelo.
• Para o alumnado de 3º ciclo de educación primaria… (Debatemos na aula)
-
Que relación existe entre a alimentación e o cambio climático?
-
Por que algúns alimentos contaminan máis ca outros?
-
Que vantaxes ten consumir produtos locais e de tempada?
-
Como inflúe o refugallo alimentario no planeta?
-
Que hábitos alimentarios sostibles podemos aplicar na nosa vida diaria?
Para seguir afondando sobre o tema na aula podedes investigar sobre a pegada de carbono que deixa a nosa alimentación. Para iso podedes empregar a enquisa que compartimos, que vos axudará a calcular a pegada de carbono da vosa aula.
BAILAMOS E CANTAMOS
Hoxe imos cantar o “Pan de millo” de Migallas que andan polos vosos coles estes días.
XOGAMOS
E lembrade que se queredes xogar tamén tedes o noso pasaGalego de alimentos saudables que saíu publicado esta pasada fin de semana.
