Día 3 – Os oficios esquecidos
Rematamos a semana de clases co CEIP Frei Luís de Granada de Sarria. O alumnado deste cole vainos falar dos oficios esquecidos, aqueles traballos que antes eran comúns e que agora, ou non existen, ou case non os vemos arredor de nós. Imos ver que nos contan:
(Preme na imaxe para ver o vídeo)
Falamos
- Que, como vai? Almorzastes co galego?
- Que vos pareceu o vídeo de hoxe?
- Na vosa contorna a que se dedica a xente? Imos facer unha listaxe de oficios e profesións pero só imos incluír os das persoas que coñecemos nós, a ver cantos coñecedes!
- Cal é a persoa co oficio máis raro que coñeces?
- Axudádenos a ampliar a lista de oficios esquecidos. Coñecedes algún que non saíse no vídeo?
- E vós, que queredes ser de grandes?
- Hai alguén na vosa clase que non sexa de Galicia? Na súa terra hai algún oficio que non haxa aquí?
- Sabes que hai un Día Internacional das Traballadoras e Traballadores? Cando é? Ese día é festivo ou hai cole? Por que?
- Como se chaman as asociacións que teñen como obxectivo defender os dereitos e intereses dos traballadores e traballadoras?
- Coñeces algún dereito ou deber das persoas traballadoras?
- Os avances tecnolóxicos, en xeral, e o desenvolvemento da intelixencia artificial, en particular, están a mudar moito o mundo do traballo. Inventade oficios e profesións que van existir no futuro. Como se chaman? En que consisten? Logo votade a ver cales son as dúas máis orixinais da clase.
Xogamos ao “E ti quen vés sendo?”
- Se queredes seguir falando de oficios podedes xogar ao E TI QUEN VÉS SENDO? dos oficios.
Instrucións para xogar: unha alumna ou un alumno colle unha carta ou un papel dunha baralla ou dun conxunto de notas (tamén pode ser simplemente un papel que lle entregue a mestra ou mestre) que contén o nome dunha profesión, leo pero non pode dicir o que pon porque é un segredo (tamén pode ser que simplemente llo diga en baixiño). O resto do alumnado ten que facerlle preguntas ás que só pode contestar de tres maneiras, dicindo SI, NON ou NON CHE SEI. Gaña a alumna ou alumno que adiviñe o oficio desa persoa.
Sorpresa!
Hoxe temos unha sorpresa. Chegounos unha mensaxe especial para vós. Si, si, para vós.
Quen vos poderá mandar unha mensaxe a todas as alumnas e alumnos que facedes os 21 Días co galego e máis???
Vouvos dar unha pista, son 2 e un deles é azul e branco. Aínda non se vos ocorre ninguén?
Veña, vai, dádelle á imaxe e xa ides ver.
(Preme na imaxe para ver o vídeo)
Pois si, é unha mensaxe que vos mandan os nosos amigos Digochinho e Esther Estévez que sempre vos apoian para que faledes galego coma eles e sigades adiante os 21 días e moitísimos máis.
Cantamos e bailamos
Hoxe ímonos divertir cunha canción de Uxía Lambona e a Banda Molona que fala precisamente dos oficios.
(Preme na imaxe para ver o vídeo)




