DÍA 9 – As emocións
Este xoves imos traballar as emocións co alumnado do CEP Campolongo de Pontevedra. Saber xestionar as emocións é unha aprendizaxe indispensable para as persoas. Nos seus dous vídeos, as alumnas e os alumnos van definindo e analizando cada unha das emocións para que as poidamos recoñecer.
(Preme nas imaxes para ver os vídeos)
Conversamos
- Ola, como vai ese galego?
- E vós, tedes medo?
- Que personaxes coñecedes que lles dean medo ás persoas? E a ti, cales son as que che dan medo?
- En que situacións podemos ter medo (cando estamos sós, pola noite, vendo películas…)?
- Que lle pasa ao noso corpo cando temos medo (nos ollos, na boca, na respiración, na pel, no corazón…)?
- A que lle tiñan medo as nosas nais e pais cando eran pequenos? Por que agora xa non teñen medo?
- Que podemos facer cando temos medo? Buscade solucións.
Primeiro ciclo
- Podemos realizar lectura en voz alta entre todas e todos de contos que falen da temática escollida. Por exemplo, para o medo temos, entre outros:
– Bóla de manteiga. Oqo.
– Os bolechas teñen medo. Edicións A Nosa Terra.
– A bruxa regañadentes. Oqo.
– Carapuchiña vermella. Kalandraka.
– O conde vampiro. FisicalBook.
– Fantasmas no corredor. Xerais.
– Gato Guille e os monstros. Kalandraka.
– Hansel e Gretel. Kalandraka.
– O medo. Ir indo.
– O monstro de Ricardo. Kalandraka.
– Óscar e o león de correos. Colección Sopa de libros. Xerais.
– Un pesadelo no meu armario. Kalandraka.
– Raquel ten medo. Xerais.
– A superheroína supersónica. Baía Edicións.
– Teño medo. Oqo.
– Tío lobo. Kalandraka.
– Os tres bandidos. Kalandraka.
– Verlioka. Oqo.
Segundo e terceiro ciclos
- Facemos unha exposición das figuras do medo galego.
- Escribimos primeiro un pesadelo e logo contámosllo ao resto da aula.
- Disfrazámonos no Entroido de personaxes que dean medo e recitamos algún xogo de sortes. Exemplo: “Era de noite. Había un castelo. Abriuse a porta. Saíu un morcego. Meteu a man. Sacou un coitelo. UNTA MÁIS NOCILLA, UNTA MÁIS NOCILLA!!”
- Crear adiviñas e xogar con elas.
- Inventar nomes para bruxas e monstros debuxados.
- Facer un libro de conxuros para logo recitalo na clase.
- Facer un libro de receitas terroríficas para logo facelas no cole ou realizalas na casa e levalas ao cole.
- Aprender e cantar a canción da Bruxa Maruxa.
- Imitar ou representar personaxes ou situacións de medo.
- Decorar corredores con debuxos de personaxes de medo.
- Facer exercicios respiratorios.
- Representar a obra de teatro do libro Mamasiña que medo!.
- Facer un mural de medos e lelos en voz alta entre grupos de compañeiras e compañeiros.
- Ler e explicar o conto “Que cara de toxo tes!”.
- Xogo do buxo
Cantamos e bailamos
Hoxe ímonos divertir cunha canción con moito amor de Sonoro Maxín chamada “Quérote máis”. A cantar e bailar!
(Preme na imaxe para ver o vídeo)






