DÍA 12 – CANCIONEIRO POPULAR GALEGO

Hoxe vimos do CEIP Emilio González López de Cambre para falarvos do cancioneiro popular galego, traémosvos tamén unha baralla de animais para xogar e propostas musicais. Esperamos que vos guste!

E lembrade que hoxe nos encontramos con Esther Estévez!

 

FALAMOS

  • Ola rapaces e rapazas, como ides co galego?

  • Que vos pareceu o vídeo do noso cole? Hai alguna cousa que chamase especialmente a túa atención?

  • Pensades que este tipo de actividades contribúen á conservación da nosa lingua ou pola contra son xogos e nada máis?

  • No noso vídeo mencionamos tamén o papel relevante que tivo a muller no rural para a transmisión da tradición oral. Estades de acordo con isto?

  • Na vosa localidade coñecedes alguna persoa, asociación e/ou agrupación que coas súas actividades teñan como obxectivo dar a coñecer a nosa tradición oral, que contribúan á conservación da lingua. Se é así gustaríanos sabelo.

  • No noso cole dende hai varios anos celebramos unha festa chamada Foliada, nela tócase e báilase música tradicional galega. E no voso cole facedes algo parecido?

  • Credes que nós tamén podemos facer algo para enriquecer a tradición oral e conservar a lingua galega? Como poderiamos facelo?

 

XOGAMOS

Traémosvos un xogo inventado polo profesorado do noso centro, trátase da Baralla dos animais da fauna popular galega.

Deixámosvos a ligazón para que poidades descargar o arquivo, recortar as cartas e logo xogar, na última páxina tedes as instrucións de xogo. Agardamos que vos guste.

Descarga aquí de balde a Baralla dos animais da fauna popular galega

 

ORELLA PENDELLA

Se queredes atopar máis xogos e recitados, podedes visitar a páxina de Orella Pendella, unha web fundamental na literatura popular infantil de Galicia.

E se o que queredes ver son vídeos, podedes ir directamente á súa canle de YouTube.

CITA CON ESTHER ESTÉVEZ

Por fin chegou o día, hoxe ás 11:00 temos unnha cita virtual coa grande, coa inigualable, coa marabillosísima… Esther Estévez que nos falará do Dígocho eu! ao que lle leva poñendo voz e imaxe dende antes da súa creación.

 

CANTAMOS E BAILAMOS

Dende Cambre a nosa proposta musical son dúas cancións para que cantedes e bailedes para comezar a semana. A primeira é un tema de Olga Brañas.

 

E convidámosvos a que rematedes bailando a canción “Tataravoa” das Fillas de Cassandra.