DÍA 13 – UN MUNDO CHEO DE CIENCIA
Ola, somos as alumnas e alumnos do CEIP Francisco Vales Villamarín de Betanzos, unha localidade situada na costa coruñesa e queremos contarvos como este ano o noso colexio se converteu nun gran laboratorio onde descubrimos moitas cousas sobre ciencia. Investigades connosco?
FALAMOS
E vós no voso colexio tamén facedes ciencia?
Que investigades?
Investiga que emoción sentes cando falas galego.
A ti que che gustaría poder inventar?
Aquí, no noso cole…
O alumnado de Educación infantil investiga o noso corpo por dentro e por fóra.
Saberías dicir algunha parte do corpo?
Veña de seguro sabes algunha máis difícil!
Pensa nos órganos, músculos, ósos…
As nenas e nenos de 1º encárganse dos mares e océanos…
Saberías dicir o nome dalgúns?
Imaxinas algunha forma de coidalos?
Cantos animais mariños curiosos coñeces?
Os de 2º andamos argallando cos fungos.
O lévedo serve na elaboración do pan pero, coñeces algún outro fungo ou ser vivo que teña que ver con algún proceso alimentario?
En 3º preocúpanse moito polo noso benestar emocional e mental.
Que vos parece repasar un pouco as emocións?
Cando as emocións non andan moi ben ordenadas, que sensacións temos?
As rapazas e rapaces de 4º traballan na ciencia dende a Prehistoria.
Saberías dicir algún invento daquela época?
Seguimos utilizándoos na actualidade?
O alumnado de 5º propón indagar na intelixencia artificial.
Podedes falar dos beneficios que nos achega esta tecnoloxía ao noso día a día e tamén dos seus posibles riscos.
As mozas e mozos de 6º andan a voltas con diferentes temas.
Sabedes que outras cancións, ademais da Macarena, son válidas para facerlle a unha persoa unha RCP?
Conversade sobre a importancia da investigación das novas vacinas e tratamentos en medicina e sobre cales serían os mellores avances médicos se puidésedes vós dirixir as investigacións médicas mundiais.

