DÍA 17 – A REDUCIÓN DAS DESIGUALDADES
Ola, somos as alumnas e alumnos do CEIP Illa Verde de Lugo. Como vos foi a fin de semana? Xogastes coas vosas familias ás actividades que aperceron no blog? E, sobre todo, falastes moito en galego?
Comezamos hoxe a nosa terceira semana co programa e estes días temos que botarlle toda a auga ao muíño falando máis galego ca nunca.
No noso vídeo falamos das desigualdades de xénero, discriminación por razón de raza ou por discapacidade. Todas elas están reflectidas no obxectivo de desenvolvemento sustentable número 10 que promove reducir as desigualdades e agardamos que vos guste.
FALAMOS
No vídeo falamos das desigualdades de xénero, discriminación por razón de raza ou por discapacidade. Todas elas están reflectidas no obxectivo de desenvolvemento sustentable número 10 que promove reducir as desigualdades.
Pensade e comentade coas vosas compañeiras e compañeiros:
- 
A primeira desigualdade da que falamos é a desigualdade de xénero. Que opinades de que as mulleres cobren un salario inferior ao dos homes realizando o mesmo traballo?
- 
O vídeo fala dos micromachismos. Quedouvos claro o que é un micromachismo? Poderiades poñer algúns exemplos?
- 
Un dos nenos di que todas as persoas podemos facer pequenas cousas pola igualdade. Que pensades que podedes facer vós para poder contribuír a eliminar estas desigualdades por razón de xénero?
- 
Outra das desigualdades que traballamos é a discriminación por razón de raza. Pensas que realmente se trata diferente as persoas segundo de que raza sexan? No vídeo achéganse algunhas ideas para axudarmos a erradicar esta desigualdade. Que pensas que poderiamos facer para axudar a que desapareza esta discriminación por razón de raza?
- 
A última das desigualdades que traballamos é a desigualdade ou discriminación por razón de discapacidade. Pensas que o teu cole está ben adaptado para as persoas con discapacidade?
Propoñémosvos facer un xogo no que cada un de vós simulará ter unha discapacidade como por exemplo ser invidente, estar nunha cadeira de rodas… e deberedes facer un percorrido polo voso cole para ver se realmente está adaptado ou non para as persoas que teñan calquera tipo de discapacidade. Logo comentaredes na aula como vos sentistes, que dificultades atopastes…
CANTAMOS E BAILAMOS
Para que vos divirtades e bailedes un pouquiño deixámosvos un vídeo do noso alumnado cantando uns Cantos de Reis polas tendas da contorna, unha tradición que estamos a recuperar no CEIP Illa Verde dende hai uns anos.

