DÍA 4 – TES UNHA CITA CO GALEGO!

Ola! Saúdos dende o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar de Ourense. Desde este rincón de Galiza invitámosvos a amar a nosa fermosa lingua e utilizala non só durante os 21 días co galego, senón tamén na vosa vida diaria. Somos herdeiros e herdeiras dos antergos que a falaron, a conservaron e llela transmitiron ás futuras xeracións. Nós debemos ser agora coma eses antergos e facer que o galego viva para sempre.

Estamos felices de compartir convosco estas semanas e esperamos que vos divirta a nosa proposta.

Botaille un ollo ao noso vídeo e ao rematar… teredes unha cita!

 

 

FALAMOS

 

• Para os máis cativos…

O sofá máxico.

Cada un de vós tedes que sentar no “sofá máxico” e dicirlle ao resto da clase:

“ Chámome…, falo galego e quero moito a … porque…”

Así que dicide o voso nome, pensade ben nunha persoa á que queirades moito e dicide tamén por que a queredes tanto.

• Para o alumnado de 1º ciclo de educación primaria…

Palabras que namoran

A actividade consiste en facer un sorteo entre o alumnado, de xeito que a cada persoa lle toque outra persoa da súa aula e verbalice mensaxes positivas cara a ela.

• Para o alumnado de 2º e 3º ciclo de educación primaria…

Imaxina que tes unha cita co galego!

Que levarias á cita?  Como a organizarías? 

É unha pregunta de resposta libre, así que deixade voar a vosa imaxinación…

Dámosvos algunhas ideas: poderiades regalarlle un ramo con palabras en galego, ir a un restaurante a degustar unha comida típica, dar un paseo para ver as árbores autóctonas… 

Que se vos ocorre a vós?

Lembra!

TES UNHA CITA CO GALEGO

E O GALEGO TEN UNHA CITA CONTIGO!:

 

BAILAMOS E CANTAMOS

Para rematar deixámosvos unha canción de Pablo Díaz que se chama “Queremos galego” e fala de amor e lingua. No vídeo podedes ver a coreografía que fixeron no CEIP Seara, animádesvos a cantar e bailar con eles?

Deixámosvos a letra da canción para que a poidades practicar.

Se clicades aquí podedes ver o retrouso con pictogramas.

 

QUEREMOS GALEGO

Queremos galego na terra e no ceo

queremos galego na beira do mar

queremos galego na terra e no ceo

queremos galego, xa!

O galego dos avós

ten que nos chegar a nós

se o coidamos e o falamos

ha durar outros mil anos.

Queremos galego na terra e no ceo

queremos galego na beira do mar

queremos galego na terra e no ceo

queremos galego, xa!

Máis galego, máis queremos,

canto máis o coñecemos,

ti se falas a nosa fala,

a nosa fala nunca cala.

Queremos galego na terra e no ceo

queremos galego na beira do mar

queremos galego na terra e no ceo

queremos galego, xa! (x 3)