Pensamento baseado en deseño en educación

Durante o primeiro trimestre deste ano, a Aula Nova acolleu catro sesións do curso S1900162 Pensamento baseado en deseño (Design Thinking) en educación, a cargo de seis relatores pertencentes á empresa galega DesignThinking.gal adicada a desenvolver proxectos de innovación educativa, social e empresarial, como o VermisLAB, a primeira Maker Faire de Galicia ou o Roteiro Maker, nado co propósito de devolver o movemento maker ao mundo rural.

As orixes conceptuais do Design Thinking remóntanse ao ano 1919 e débense a Walter Gropius, fundador da Bauhaus, a escola de arquitectura, deseño, artesanía e arte situada en Weimar (Alemaña). Con todo, o termo tal e como hoxe o coñecemos, quedaría fixado case un século máis tarde, no ano 2008, no que Tim Brown, CEO de IDEO, definiría o Design Thinking no seu famoso artigo para a Harvard Business Review.

Trátase dunha metodoloxía destinada á elaboración de proxectos no mundo do deseño que hoxe en día abarca multitude de campos, sendo unha ferramenta moi usada no sector educativo e social, especialmente nos EEUU, onde foi avalada e promovida polo Institute of Design da Universidade Stanford. A súa característica fundamental é a capacidade para xerar ideas innovadoras do modo en que o faría un deseñador de produto e basea a súa eficacia en entender e dar solución ás necesidades reais dos usuarios.

O profesorado asistente a este curso puido coñecer as aplicacións do Design Thinking no ámbito educativo e recoller o aprendido na materialización dun pequeno proxecto de centro ou aula, que presentaron na última sesión recibindo o feedback de relatores e asistentes. Para chegar a estes resultados, ao longo do curso desenvovéronse aspectos como a Historia do Design Thinking e os seus casos de éxito, a intelixencia emocional e o Visual Thinking; traballáronse diversas técnicas de creatividade, o strorytelling (ou “a arte de contar historias”) e conceptos de prototipado e presentación de ideas, por último, abarcáronse a programación con scratch 3.0 e o uso da tarxeta programable MicroBit, para despois analizar como estas se integran nun proxecto de centro ou de aula.