De Galicia ao espazo
Imaxinas construír xunto ao teu alumnado un pequeno satélite de comunicacións e recibir e interpretar datos na súa traxectoria? Toda unha grande oportunidade de desenvolver unha experimentación práctica relacionada co espazo dentro do proxecto CanSat, unha iniciativa de ESERO (European Spaxe Education Resource Office) da ESA, a Axencia Espacial Europea en España.
Está dirixida ao alumnado de Secundaria e Bacharelato (entre 14 e 19 anos ambos os dous incluídos) que serán quen de formar un equipo pluridisciplinar de traballo e simular unha misión real de lanzamento dun pequeno satélite incluíndo o seu deseño, as probas iniciais e o análise de datos da telemetría de todo o proceso.
O equipo estará formado por 4-6 membros coordinados por un docente que exercerá o papel de mentor/a ainda que sempre podes contar coa colaboración dunha mentorización externa con expertos/as que ti coñezas e queiran colaborar no proxecto.
O prazo de inscrición dos equipos está aberto ata o 20 de decembro e será realizado polo mentor/a incluíndo os datos dos participantes. Os equipos galegos inscritos participarán nunha primeira fase rexional da que sairá un equipo que representará a Galicia na fase nacional. O equipo gañador da competición rexional CanSat Galicia participará na competición nacional CanSat 2021, organizada por ESERO Spain, contra equipos de toda España. Á súa vez, o gañador da competición nacional poderá participar na competición CanSat 2021 da Axencia Espacial Europea (ESA) a nivel europeo.
Este equipo terá dúas misións moi diferentes que debe planificar e organizar secuencialmente:
–Misión principal baseada na recepción e análise de datos enviados dende o Can tendo en conta os requisitos de CanSat.
–Misión secundaria, é unha misión específica que debe promover cada equipo, como axuda podes pensar en desenvolver algunha misión relacionada co proxecto STEM/STEAM.
Tamén deberá redactar informes onde plasmarán os avances do seu proxecto que serán enviados a organización, trátase do o CDR (Critical Design Review) e se pasan de fase, o PDR (Pre Launch Report).
Os requisitos xerais que deben terse en conta para o hardware e a misións son:
- Todos os compoñentes do CanSat deberán caber dentro dunha lata de refrescos convencional (de 115 mm de alto e 66 mm de diámetro), agás o paracaídas.
- A masa do CanSat deberá medir entre un mínimo de 300 e un máximo de 350 gramos. Os CanSat máis lixeiros deberán portar un lastre adicional para alcanzar o límite de masa mínima requirida de 300 gramos.
- O uso de explosivos, detonadores, pirotecnia e materiais inflamables ou perigosos está terminantemente prohibido.
- A alimentación eléctrica do CanSat debe obterse de baterías e/ou paneis solares. Os sistemas deben estar preparados para permanecer acesos durante catro horas seguidas.
- A batería debe estar accesible para que poida cambiarse ou recargarse con facilidade en caso necesario.
- O CanSat debe contar cun interruptor de alimentación xeral perfectamente accesible.
- O CanSat debe contar cun sistema de recuperación, como un paracaídas, que poida reutilizarse despois do lanzamento. Recoméndase o emprego de tecidos de cores rechamantes que faciliten a localización do CanSat tras a aterraxe. É aconsellable incluír un sistema de localización para a súa procura (mensáfono, radiobaliza, GPS, etc.).
- A conexión do paracaídas debe ser capaz de soportar unha forza de ata 500 N. A robustez do paracaídas debe probarse para garantir que o sistema funcionará como debe.
- Para favorecer a recuperación o CanSat é aconsellable un tempo máximo de voo de 120 segundos. Se se tenta unha aterraxe controlada, entón recoméndase un tempo de voo máximo de 170 segundos.
- Co obxectivo de recuperar o CanSat recoméndase unha velocidade de descenso de entre 8 e 11 m/s. Con todo, a velocidade de descenso non deberá ser inferior a 6 m/ s nin superior a 12 m/ s por razóns de seguridade.
- O CanSat deberá ser capaz de soportar unha aceleración de ata 20 g.
- O orzamento total do modelo final de CanSat non debe superar os 500 €. As estacións de terra (Ground Stations, ou GS) e demais instrumentos relacionados que non voen non se contemplarán dentro dese orzamento. No próximo apartado ofrécese máis información sobre as penalizacións no caso de que os equipos excedan o orzamento fixado.
- En caso de contar con patrocinadores, todos os elementos conseguidos a través deles deberán especificarse dentro do orzamento de acordo co seu prezo real no mercado.
- Todos os equipos deberán cinguirse á frecuencia que se lles asigne durante a campaña de lanzamento. O rango de frecuencias permitidas varía dependendo do país no que se celebre o encontro e comunicarase ao seu debido tempo. Recoméndase aos equipos que presten atención ao deseño do CanSat en canto a integración de hardware e a interconexión, para que a frecuencia de radio se poida modificar con facilidade en caso necesario.
- O CanSat deberá estar listo para voar no momento da chegada á campaña de lanzamento.
Tamén existen uns requisitos específicos debido á situación sanitaria que teñen que terse en conta cando se inicie o proceso de deseño e fabricación e que aparecen recollidas nas bases.
O xurado da proba estará formado por educadores/as, enxeñeiros/as e científicos/as que terá en conta todos estes criterios de avaliación:
- Logros técnicos 35 %
- Valor científico 35 %
- Competencias profesionales 20%
- Difusión 10%
Toda a info do Cansat en:
Guia para el profesorado:
http://esero.es/wp-content/uploads/2020/10/GuiaParaProfesorado_CanSat2021.pdf
Bases Cansat:
http://esero.es/wp-content/uploads/2020/10/Bases_CompeticionNacionalCanSat2021.