Comezamos a deseñar a ExpoCardume

Durante este curso pretendemos aprender máis sobre o noso patrimonio e como conservalo e expoñelo. Durante o pasado curso inauguramos o Espazo Pendelouque, un humilde recuncho expositivo etnográfico e arqueolóxico con pezas na súa maioría pertencentes ao historiador Manuel Pazos e en colaboración co Concello de Oroso. Chamámoslle así porque unhas das pezas máis recoñecibles do noso patrimonio son as arracadas atopadas no chamado Tesouro de Recouso e que se atopan na actualidade no Museo das Peregrinacións. Coa súa axuda queremos crear unha exposición temporal dedicada á importancia da auga na vida e cultura de Oroso. Para isto o primeiro que fixemos foi repartir o traballo, poñernos prazos e visitar dous museos distintos cercanos coa intención de ir collendo ideas. Xa temos data de inauguración, o 22 de marzo, día mundial da auga.