Deficiencias no Camiño de Inverno
O alumnado da ESA do módulo III reflexionou sobre as deficiencias que se advirten en diferentes zonas polas que pasa o Camiño de Inverno e realizou propostas ao Concello correspondente co fin de que se solucionen.
Vexamos algúns exemplos:
Chantada é unha vila que conta con zonas moi fermosas e con infraestruturas moi boas, pero hai algúns aspectos que deberían mellorarse.
O que máis me agrada da localidade son os parques infantís e o paseo do río. O que máis me desagrada son as beirarrúas e algunhas estradas que están en moi mal estado.
Unha vila como Chantada debería contar con infraestruturas como un cine e un parque na Avenida de Monforte para o ocio dos seus habitantes. E tamén un polígono con máis industrias para mellorar a situación laboral da poboación.
En definitiva, a nosa vila ten realidades moi fermosas, pero outras deben ser renovadas para unha mellor calidade de vida dos seus habitantes. Espero que estas ideas lles sirvan a vostedes, membros do concello, e que sigan a arranxar eses estragos mencionados.
María Cristina González Varela.
Estimado Concello de Chantada:
Son veciño desta vila e gustaríame presentar a miña idea dalgúns pequenos proxectos.
Gústame moito como funciona a brigada de parques e xardíns e este ano conseguíronse de novo as catro flores de Vilas en Flor.
O primeiro proxecto sería axardinar as entradas da vila, rotondas, beirarrúas e outros.
O segundo proxecto: arranxar as beirarrúas da avenida de Lugo e rematalas na medida do posible.
O terceiro proxecto: intentar facer novos estacionamentos, xa que se pode mellorar moito o tráfico para ter unha cidade ideal e facilitar o tráfico.
Só espero que poñan en práctica as miñas ideas.
Reciba un cordial saúdo,
José Luis Diéguez.
Queridos concelleiros:
Chámome Elena Novoa Rodríguez e, xa que están pedindo a opinión da veciñanza, gustaríame darlles a miña. Aínda que Chantada é unha vila moi fermosa, eu véxolle algún defectiño.
Empezaría por dicirlles que en primeiro lugar creo que a primeira planta do concello debería ser accesible a todos os veciños ou a vostedes parécelles que unha persoa de mobilidade reducida pode ir ao primeiro andar?
Outro aspecto que ten moita necesidade é que poñan vostedes beirarrúas para que as persoas en cadeiras de rodas poidan moverse pola vila, pois hai zonas nas que lles é imposible poder moverse. Entón, penso que deberían empatizar coa xente que ten ese tipo de problemas.
Sen máis, reciban un cordial saúdo,
Elena Novoa Rodríguez.
Estimados concelleiros:
Escríbolles esta carta para achegar a miña opinión sobre as melloras que poderían facer máis bonita a nosa localidade.
Chámome Catia Ramos e vivo na avenida de Portugal en Chantada.
A nosa vila é un bo lugar para vivir, é bonito, tranquilo e cómodo, mais ten que mellorar algunhas condicións.
En primeiro lugar: deberían acondicionar un espazo amplo para o aparcadoiro dos coches, e non deixar aparcar en calquera sitio, como ocorre agora.
En segundo lugar: gustaríame que habilitaran unha infraestrutura para os nenos, que poidan xogar e reunirse cos amigos, sen pasar frío na rúa e máis no inverno.
Por último: arranxar e limpar os espazos públicos máis a miúdo, temos un bonito paseo que ten que estar mellor presentado.
Moitas grazas pola súa atención.
Reciban un cordial saúdo,
Catia Ramos.