Educación patrimonial
Este é o blog do programa “Educación Patrimonial” promovido e coordinado dende a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural dentro do Plan Proxecta. Pretendemos que sirva para que visualicedes as actividades e os produtos finais que realicedes no desenvolvemento dos vosos proxectos e tamén para que podades ver as publicacións dos outros centros que participan no programa, ben sexa na vosa modalidade ou en calquera das outras.
A través deste programa preténdese promover a pescuda sobre o patrimonio e os bens comúns desde o punto de vista antropolóxico, histórico, arqueolóxico, arquitectónico, xeográfico e lingüístico da contorna dos centros educativos.
A información sobre o programa atópase en http://www.edu.xunta.gal/portal/node/23008
Modalidades
O programa “Educación Patrimonial” conta con seis modalidades de participación: Mirando polo Camiño, Patrimonio etnográfico na Ribeira Sacra e Museos e Patrimonio, coordinadas dende a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural; Patrimonio Salitre (anteriormente Memoria da industria, memoria do mar), promovida polo Museo ANFACO, Terras Sacras (mosteiro e olería), promovida polo Concello de Xunqueira de Espadanedo e Patrimonio cultural europeo en colaboración co programa e-twinning, promovido pola Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional. Estas modalidades teñen as súas particularidades pero todas elas teñen un obxectivo común: que a comunidade educativa coñeza o patrimonio da súa contorna inmediata desde unha visión integradora e vinculada ao territorio e que, de xeito participativo, contribúa á súa conservación e difusión e idee estratexias de recoñecemento público e promoción dos seus recursos. Deste xeito, constitúe unha estratexia contextualizada para a valorización e preservación deste patrimonio a longo prazo e, polo tanto, de desenvolvemento sustentable.
Este curso 2021-22 participan no programa “Educación Patrimonial” 27 centros, dos cales 9 participan en Mirando polo Camiño, 4 en Patrimonio etnográfico na Ribeira Sacra, 1 en Museos e Patrimonio, 1 en Patrimonio Salitre,1 en Terras Sacras (mosteiro e olería) e 11 en Patrimonio cultural europeo en colaboración co programa e-twinning.