Dende a nosa casa – Desde nuestra casa – Depuis chez nous

O noso proxecto muda de nome en eTwinning e pasa a chamarse Dende a nosa casa – Desde nuestra casa – Depuis chez nous por acordo coa nosa socia da Bretaña, xa que é o lugar dende o que queremos partir para amosar o patrimonio celta e romano ao mundo. Finalmente non poderemos contar cos socios portugueses pero seguimos adiante co noso socio francés.

Atopámonos no momento de busca de información. Aquí, o alumnado decide que é o que quere dar a coñecer, así que elaboramos un listado cos nosos “imprescindibles”. Ademais de pescudar en Internet, nas páxinas web dos concellos de Castro de Rei e A Pastoriza (decidimos traspasar a fronteira do noso concello e investigar tamén o veciño), un grupo de Bretoña achegouse até o Centro de Interpretación á procura de consello e información. Ademais dos xa coñecidos Castro de Viladonga ou Castro de Saa, descobren patrimonio do que non escoitaran falar nunca, como o Dolmen de Mazoi, a Estela de Reigosa, a Arracada de Bretoña (que se atopa no Museo Provincial de Lugo), os Denarios de San Cosme de Piñeiro ou a Ponte romana de Duarría. A motivación medra por momentos.

Agora deberán intercambiar esa información coa dos socios bretóns de xeito que estes traballen sobre o noso patrimonio e nós sobre o deles para confeccionar os materiais turísticos multilingües. Seremos quen de manexarnos nas terras galas? Confiamos nos nosos guerreiros castrexos.