(Galego) Museo do Patrimonio Triacastelá: O TEU PASADO, O MEU PRESENTE
Nesta derradeira fase do proxecto, continuouse coa construción das trece maquetas que finalmente dan forma ó museo, seguindo os pasos acordados durante o primeiro trimestre. Unha vez construídas, comezouse coa estruturación do museo, quedando finalmente:
- A mesa da entrada onde figura: un calendario cos guías (alumnos e alumnas) que ensinan o museo dependendo do día da semana.
- A primeira estancia, a do Patrimonio Arquitectónico – Arqueolóxico, onde se inclúe: a alvariza do Monte Oribio, a Cova Eirós, o Pombal e o Castro de Triacastela.
- A segunda estancia, do Patrimonio Histórico, que alberga: o Camiño Real do Oribio, a Capela de San Mamede e a Ferrería da Ponte.
- A terceira estancia, do Patrimonio Cultural-Lingüístico: a Cachena, o Apalpador e un libro con refráns e lendas. Ademais, tamén hai unha estatería co libro do concello, coa obra «Oribio» (Xunta de Galicia) e tamén cun libro sobre o Río Oribio realizado polo alumnado de Educación Infantil. Finalmente, esta parte do museo tamén conta cun libro onde se inclúen pareados e co «Dicionario dos nenos e das nenas galegas».
- A cuarta e derradeira estancia é a do Patrimonio Natural, onde se recolle: o Río Oribio, a Castiñeira de Ramil e o Monte Oribio coa súa cima, Pena Soá.
Ademais, destas catro estancias, conformouse unnha zona audiovisual aproveitando o proxector da aula. Neste espazo pódense visualizar tres producións:
- «O teu pasado, o meu presente», onde se valora a vida no rural.
- «Fálame…en familia», valorando o patrimonio lingüístico da zona.
- «A riqueza da montaña», onde se resume o patrimonio triacastelá que se pode identificar nas catro estancias
Ademais de traballar na construción das maquetas e das tarxetas de información, así como na estruturación do museo, o alumnado desfrutou das seguintes actividades de apoio ó proxecto de educación patrimonial:
- Un obradoiro – exposición sobre a Cova Eirós, impartido por Arturo, o codirector da cova.
- Un paseo musicalizado polo Monte Oribio coa Fundación Legar, descubrindo a riqueza natural do ecosistema a través da Música de Raíz.
- A actividade final: «coñeces o teu museo?», onde o alumnado debía debuxar un plano do museo e, ó rematar, describir ese plano cos elementos que nel figuran. A actividade gradúase en función da idade.
Finalmente, destácase que o museo abriu as súas portas o pasado 10 de xuño e permanecerá aberto ata o vindeiro venres 28. Durante este tempo, diferentes familiares, usuarias das Casas do Maior, periodistas, etc., achegáronse a coñecer o contido que alberga. En todas estas visitas, foron os nenos e nenas os que exerceron de guías do mesmo, sempre baixo a supervisión do profesorado do centro.
Prevese que no vindeiro curso 2024-2025 o museo teña continuidade debido a súa grande acollida.
 
 