Abrindo PORTAS a Europa

Varios departamentos da ESO do CPI Domingo Fontán de Portas participamos no Plan Proxecta “Patrimonio cultural europeo en colaboración no programa eTwinning” coordinado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
O noso proxecto titúlase EUROPE IS THE WAY e forma parte dun plan máis amplo de internacionalización da nosa escola, ao que chamamos “Abrindo Portas a Europa” co que pretendemos compensar un certo illamento físico dun centro rural e pequeno coma o noso.
Grazas ao intercambio de ideas e a cooperación con centros de toda Europa tratamos de propiciar o (re)coñecemento do patrimonio cultural da contorna e, moi especialmente, da figura de Domingo Fontán, que nos da nome.
Este é o primeiro proxecto que coordinamos dende cero en eTwinning, polo que ao comezo estabamos un pouco asustados, porén grazas ao apoio da Embaixada eTwinning de Galicia e aos marabillosos socios que atopamos para colaborar, a verdade é que a experiencia está a resultar moi agradable e motivadora, tanto para alumnos coma para profes.
Os nosos socios son o IIS Fermi-Nervi-Cassandro de Barletta (Italia) e o Lycée François Truffaut de Beauvais (Francia) e en total participan nove profesores e corenta e nove alumnos.
Co noso proxecto pretendemos afondar no Camiño de Santiago dende distintos puntos de vista, polo que participan moitos departamentos: Bioloxía, Debuxo, Galego, Inglés, Matemáticas e Sociais, sempre co apoio da Biblioteca Escolar.
O obxectivo fundamental é o de poñer en valor o Camiño coma símbolo de integración e coma lugar de encontro onde xentes de realidades e territorios moi diferentes converxen, interactúan e enriquécense cunha meta común (o que, no fondo, pensamos que é o propio eTwinning).
Aquí deixamos algunhas fotos das nosas primeiras actividades: presentacións de profes e alumnos en Twinboard e situación dos centros no mapa.