Fin do Camiño
Boas camiñantes!
Sabemos que moitos de vós levades xa uns días esperando as novas sobre o Camiño 😉 E non vos imos facer esperar máis!!!
Queremos compartir con todos vós a nosa chegada a Santiago e o ben que o pasamos ao longo de toda a xornada.
Do cole levabamos unha guía de visita de Santiago que realizamos nós mesmos para súper prepararnos a excursión. Pois antes de facer unha viaxe é preciso planificar e ter clariño que queremos ver, e sobre todo se temos pouco tempo 😬 que unha mañá no cole pasa aos pouquiños pero de paseo por Santiago… pasou voando! (Siiii, Frida viu con nós, claro que viu con nós.Entón?)
O primeiro que fixemos foi pasar pola Alameda para saudar a Ramón María (as confianzas, que queredes… Frida leva tido moito trato con el na biblioteca), tamén paramos con dúas mulleres que paseaban pola Alameda e resultou que eran irmás e se chamaban ámbalas dúas María!! A nós pareceunos raro e quixemos sacar unha foto con elas. E o que dende alí tamén vimos… A Catedral!!! E de alí non había mestre que nos movera!!!

Resultou que a podes ver do dereito ou do revés, de lonxe ou de preto, por diante ou por detrás…. pero a Catedral é bonita nos seus 360🔄

Outra das cousas que tivemos que levar ben atada foi……… ir visitar a exposición onde está a nosa maqueta! 👏🏽👏🏽
Ao longo do curso elaboramos unha maqueta que representa a Ruta do mar de Arousa e o río Ulla, ruta que pasa por Vilagarcía. E parece que resultou interesante porque decidiron contar con nós e alá fomos! E todo gracias a participar no programa formativo «Tu Camino De Santiago» organizado polo Consello Xacobeo, e no cal participaban moitos coles do resto de España. Premede na imaxe e veredes moito máis 👌
Se ides ata Santiago e pasades pola Praza de Cervantes non deixedes de visitala exposición, ata o 16 de setembro tedes tempo! Ademáis tamén poderedes visionar o vídeo no que explicamos todo o proceso da súa elaboración. Nós xa o tiñamos visto varias veces, pero o de sair na tele… nunha exposición… foi novo para nós e quedamos abraiados. Coa boquiña aberta. Sen respirar. Pasmados. Marabillados. En resumo, quedamos 😳😳😳

E así con todo, xa foi hora de volver para o cole que o tren non espera. Chegamos cansos pero contentos 😉 E como ao longo do curso o resto de compañeiros nos axudaron moito, aínda que non formaban parte do equipo do Camiño, decidimos sorprendelos cunha xornada un tanto especial. Comezamos amosándolle unhas fotos do noso traballo, o vídeo 😊 a nosa credencial e a guía de visita De Santiago… e tamén organizamos unha pequeña exposición.

E como colofón final do noso proxecto “Mirando polo Camiño» o alumnado de todo o centro ( e os que non son alumnos tamén 😜) puideron gozar dunha degustación do novo sabor de LARSA: iogur do peregrino, tarta do Camiño. Por unanimidade podemos afirmar que está BOÍSIMO!! Houbo ata quen quixo repetir. Nós levábamos vantaxe e xa o tiñamos probado na Praza da Quintana!

Gustounos compartir con todos os compañeiros as nosas experiencias, as que vivimos ao longo deste intenso curso, aquelas que unha tras outra nos fixeron gozar non só das aventuras do Camiño, se non tamén de aventuras entre compañeiros que en equipo e apoiándonos uns nos outros coma se bordóns fósemos, fomos atravesando e nos axudaron a crecer en equipo.
De seguro que os nosos corazóns quedarán selados por moito tempo ao igualiño que as nosas credenciais!!!
Nunca paredes de camiñar porque a vida vívese dando pasiños.
BO CAMIÑO!!!
