(Galego) A nosa aventura na Ribeira Sacra: Mosteiros, lendas e moito máis!
A nosa visita á Ribeira Sacra: Historia, misterios e moito máis!
Dende o CIFP Portovello de Ourense, o pasado 6 de novembro fixemos unha saída moi especial cos alumnos de 1º de Animación e Xestión Cultural e de 2º de Asistencia a direción. Fumos á Ribeira Sacra, un lugar cheo de historia, natureza e, por suposto, misterios que nos deixaron boquiabertos! Foi un día estupendo. O sol brillaba con moita forza e a xornada foi marabillosa.
O Mosteiro de San Pedro de Rocas
Todo comezou cunha visita ó Mosteiro de San Pedro de Rocas, onde aprendemos sobre a historia desta marabillosa edificación e o seu entorno tan especial.
Este mosteiro, un dos máis antigos de Galicia, está incrustado nunha das paisaxes máis fermosas da Ribeira Sacra, entre impresionantes paisaxes rochosas e bosques frondosos. Fixemos unha visita guiada e descubrimos as incribles historias que este mosteiro garda, así como as técnicas antigas que se usaban para construír en lugares tan recónditos. Para os nosos alumnos, foi unha experiencia moi enriquecedora, que lles permitiu conectar co pasado e imaxinar como sería a vida nese lugar hai moitos séculos.
Mosteiro de Santa María en Montederramo
Despois de aprender tanto no Mosteiro de San Pedro de Rocas, collimos de novo o autobús e dirixímonos ao Mosteiro de Santa María en Montederramo, onde a verdadeira aventura comezou. Alí, os alumnos participaron nunha divertida e misteriosa yinkana para descubrir quen era a pantasma do mosteiro! O reto non foi fácil, pero entre risas, traballo en equipo e algúns «sustos» inxenuos, conseguiron resolver os enigmas e descubrir quen se agochaba tras a lenda.
Sen dúbida, foi unha actividade que os alumnos recordarán durante moito tempo. O mosteiro, coa súa atmosfera misteriosa e os enigmas que tiveron que resolver, fixo que todos se implicaran ao máximo. Quen diría que un lugar tan tranquilo e histórico agochaba tantos segredos?
Rematamos no Mosteiro de Santa Cristina en Parada de Sil
A última parada despois de almorzar foi o Mosteiro de Santa Cristina en Parada de Sil, un lugar tan fermoso como único. Situado nas marxes do río Sil, este mosteiro tamén ten unha historia impresionante e un entorno natural que deixou a todos sen palabras.
Un día cheo de aprendizaxes e diversión
A Ribeira Sacra é un lugar incrible, cheo de historia, cultura e unha beleza natural que non deixa indiferente a ninguén. Os nosos alumnos non só aprenderon sobre os mosteiros e as lendas que rodean a zona, senón que tamén tiveron a oportunidade de pasar un día xuntos, facendo actividades divertidas e, por suposto, coñecendo mellor a nosa terra.
Sen lugar a dúbidas, esta saída foi todo un acerto!
Como tarefa, os alumnos desarrollaron presentacións en PowerPoint, parte do traballo titulado «Mapeando a Ribeira Sacra». Divididos en 8 grupos, fixeron unha investigación para presentar 8 temas: arqueoloxía, artesanía, bodegas, embarcadoiros, miradoiros, mosteiros, rutas naturais e turismo rural. Como traballo final, realizaron un mapa de Galicia onde situaron pins para localizar as distintas ubicacións das que foron falando nas súas presentacións:
 
  
 