(Galego) Excursión ao pazo e ao carballo de Cartelos
O martes 22 de xuño o alumnado dos módulos II e IV da ESA visitaron o pazo e o carballo milenario de Cartelos, unha das árbores senlleiras de Galicia da que xa nos falara Antonio Rigueiro Rodríguez nunha conferencia o 3 de maio.
O pazo de Cartelos pertence a mans privadas, pero grazas a esta visita puidemos divisar unha vivenda singular de Galicia na que incluso estivo Afonso XII! Ademais, visitamos a capela interior dedicada a San Luís. A continuación, tivemos a ocasión de visitar a lareira e a torre, dende onde gozamos de excelentes vistas.
Ao lado do pazo hai un buxo de 350 anos de antigüidade e tamén unha devesa na que se atopa o célebre Carballo Grande de Cartelos, que se cre que podería ter 2000 anos, posto que está ao carón dunha vía romana que discorría entre Bracara Augusta e Lucus Augusti. A súa altitude é de 34,40 m e o seu perímetro é de 11 m.

O terreo onde se atopa a devesa e o carballo foilles cedido pola coroa aos antigos propietarios no s. IX, como pagamento por loitar contra os árabes. Existen documentos de 1333, onde se dá conta dos bens que se reparten, entre os que se encontra a devesa. No tronco do carballo pódense observar un conxunto de tumores producidos por bacterias.
