Explorando Historias e Raíces: Proxectos E-Twinning no Instituto
Este ano, o noso instituto, IES Agra de Raíces de Cee, embarcouse en dúas iniciativas enriquecedoras que están a conectar a tradición, a aprendizaxe e a colaboración internacional.
Por unha banda, co alumnado de 2º ESO participamos no proxecto internacional de E-Twinning denominado «European Stories: Myths, Legends, Fairy Tales». Este proxecto reúne a estudantes de varios países para descubrir e compartir os contos tradicionais, lendas e mitos que forman parte do patrimonio cultural de cada nación. A través desta actividade, os nosos alumnos non só están a coñecer outras culturas, senón que tamén están a reflexionar sobre as súas propias tradicións, dándolle un valor especial á riqueza do noso patrimonio galego.
Por outra banda, co alumnado de 4º ESO desenvolvemos un proxecto propio en
colaboración con dous centros de Portugal. «Cuéntame cómo fue» é unha iniciativa centrada en compartir e preservar o noso patrimonio cultural. Xuntos, estamos a explorar os contos e historias da vila achegados polos nosos maiores, así como os xogos tradicionais que formaron parte da infancia de xeracións anteriores. Un dos obxectivos máis interesantes é comparar os contos e tradicións da Costa da Morte cos das rexións do interior de Portugal. Sorprendentemente, atopamos semellanzas e diferenzas que enriquecen aínda máis a nosa percepción da cultura ibérica.
Estes proxectos permítennos valorar o noso patrimonio grazas ás historias
transmitidas polos nosos maiores, melloran a competencia lingüística ao interactuar en equipos internacionais e fomentan a colaboración e o traballo en grupo entre diferentes culturas. Ademais, son unha oportunidade única para o alumnado de crecer como individuos globais con fortes raíces locais.
As nosas historias conectan o pasado co presente e están a construír pontes cara ao futuro. Como dicimos no proxecto, «Cada conto compartido é un paso máis na conservación da nosa alma cultural».