Patrimonio etnolóxico na Ribeira Sacra 2018-2019
Con motivo da declaración da Ribeira Sacra como Ben de Interese Cultural e o impulso da candidatura para a declaración de Patrimonio da Humanidade, o curso pasado inaugurábase unha modalidade de participación no programa de Educación Patrimonial denominada “Patrimonio etnolóxico na Ribeira Sacra”, coa intención de promover entre a comunidade educativa o traballo co patrimonio etnolóxico da comarca dun xeito antropolóxico, identificando aqueles elementos nos que podemos ver as pegadas das xeracións pasadas e como foron transformando o medio para procurar a súa subsistencia, o que configurou a paisaxe cultural que hoxe coñecemos como Ribeira Sacra.
Preténdese que o alumnado recoñeza o papel da comunidade como actora na configuración da súa contorna, non só no pasado senón tamén no presente e cara ao futuro, e no recoñecemento do seu valor patrimonial.
Neste curso 2018-19 participan dous centros educativos de Monforte de Lemos:
CEE Infanta Elena: alumnos de distintos niveis educativos particpan cun proxecto titulado “Vivir na Ribeira que bonito é!”.
IES Río Cabe: alumnos de 3º da ESO co proxecto “A vivenda tradicional ribeirá”.
Cada un dos centros pode elixir unha das actividades deseñadas por Mar Bóveda López, especialista en deseño e desenvolvemento de actividades divulgativas e de educación relacionadas co patrimonio cultural. As actividades propostas adaptaranse á idade dos alumnos que participen e aos coñecementos traballados no curso. A execución das actividades terá lugar a final de curso como remate do proxecto desenvolvido por cada centro. As actividades propostas son as seguintes:
Itinerario didáctico pola Ribeira.- Trátase de dous posibles percorridos comentados co obxectivo de achegar dun xeito experimental os contidos traballados durante o curso, axudando á súa interiorización dun xeito lúdico. Neste percorrido inclúese a visita a lugares singulares como o Ecomuseo de Anxeriz, a adega Vía Romana ou a presa de Belesar, que servirá de punto de observación dunha das paisaxes máis características da viticultura en socalcos que caracteriza á Ribeira Sacra. Mediante estes percorridos preténdese ilustrar conceptos como a intervención no territorio, a viticultura heróica e de montaña, os oficios tradicionais na Ribeira, arquitectura e elementos etnográficos relevantes, tradición oral, folclore e patrimonio inmaterial, etc.
O gran xogo da Ribeira.- Consiste nun xogo didáctico con distintos tipos de probas para realizar no centro como alternativa á realización do itinerario. Trátase dun xogo de taboeiro no que se combinan probas de coñecemento, habilidade e creación artística sobre o patrimonio etnográfico na Ribeira Sacra.